O secretario
xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe ás persoas que estiveron
pechadas ao longo dos últimos meses para protestar contra a decisión de Feijóo
de clausurar o paridoiro de Verín. Así, destacou a loita de “profesionais e
cidadáns comprometidos”, ata o punto de que Verín converteuse na “referencia da
loita en defensa da sanidade pública”.
Ao fío desa
“mobilización clara e rotunda para frear un peche para o que alegaron criterios
técnicos que eran políticos, e cos que acabarían pechando todos os paridoiros
comarcais”, o líder dos socialistas galegos criticou o intento de Feijóo de
“calar a voz da cidadanía” esixindo a retirada dos carteis contra o peche do
paridoiro de Verín.
“Quere silenciar
a liberdade de expresión en defensa da sanidade pública”, denunciou Gonzalo
Caballero, consciente de que sen eses carteis e sen a mobilización manteríase o
peche decretado pola Xunta. Por tanto, reclamou a Feijóo que “recúe tamén nese
ataque”, porque “a cidadanía e os profesionais merecen poder defender o público
dos seus recortes”.
“Parece que
Feijóo ten miedo a que fale a xente”, recalcou o candidato socialista á
Presidencia da Xunta, crítico con que “Feijóo só quere a publicidade
institucional da Xunta e o control sistemático dos medios públicos”.
Consentemento reforzado
En paralelo,
Gonzalo Caballero rexeitou o consentemento informado reforzado que pretende
impoñer Feijóo para dar a luz en Verín e reclamou poñer fin a esa “estratexia
de restar credibilidade aos profesionais e de de meter medo ás mulleres”.
“Non se pode
aceptar”, deixou claro o máximo dirixente do PSdeG, para quen “a sanidade pública
é segura e ten que selo”. Por iso, rexeitou os “argumentos falaces” sobre a
falta de pericia dos profesionais.
Finalmente, tras
poñer en valor de novo que “a Galicia do futuro quere unha sanidade pública de
calidade e de proximidade”, Gonzalo Caballero asegurou que “nós seguiremos
traballando” por esa causa. “As infraestruturas son importantes, pero o
servizos públicos dan igualdade e calidade de vida”, finalizou.
"Hospital de primeiro nivel"
Tamén compareceu
ante os medios o xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo,
quen advertiu de que a Xunta “non pode impoñer un consentemento en Verín
diferente ao dos outros hospitales galegos”.
“Somos un
hospital de primeiro nivel”, reivindicou, e recalcou que “non se pode abrir en
precario ningún servizo”. “Non aceptamos que se reabra o paridoiro con medios
que non son os suficientes e os necesarios para dar unha correcta asistencia”,
concluíu. Departamento de comunicación