O
secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, contrapuxo hoxe as
“chanchulladas” do PP, utilizando fondos reservados para tentar tapar a súa
corrupción na etapa de Rajoy, co feito de que hoxe en España existe “un goberno
decente” que utiliza os cartos públicos en beneficio da maioría.
“Súbense
as pensións e o salario mínimo, refórzanse os servizos públicos…”, puxo en
valor o líder socialista, quen urxiu a Feijóo a dar explicacións das “prácticas
irregulares” levadas a cabo polo PP sendo el membro da dirección política. “Hai
que poñer fin a eses mecanismos”, incidiu Gonzalo Caballero, quen rexeitou “a
permisividade coa corrupción” que caracteriza ao PP e reivindicou que se puxo
fin “ao tempo das maiorías” populares en España. “E vai rematar tamén o tempo
das maiorías do PP en Galicia”, agregou.
O
secretario xeral do PSdeG fixo estas declaracións nunha comparecencia pública o
día da reapertura do paridoiro de Verín,
“unha vitoria da maioría progresista” fronte “aos recortes e o
desmantelamento” da sanidade pública levado a cabo por Feijóo.
“Gañamos
o pulso a un Feijóo que quere pechar a sanidade pública e desatender o rural”,
remarcou Gonzalo Caballero, quen deixou claro que “manteremos en observación
permanente” ao goberno galego porque “non nos fiamos” de Feijóo despois de ter
retirado “moitos avances” que existían no sistema público de saúde.
Así
as cousas, o máximo dirixente do PSdeG requiriu a Feijóo que aclare a
imposición dun consentimento informado reforzado para dar a luz en Verín, un
procedemento co que “criminaliza aos profesionais” e “mete medo ás nais”.
Visita "electoralista" a Uruguai
Ao
fío disto, Gonzalo Caballero cuestionou a viaxe de Feijóo a Uruguai tanto polo
carácter “electoralista” desa visita como polo feito de que abordara os
problemas sanitarios da diáspora. “Feijóo
non foi quen de visitar Verín nestes dous meses”, recordou o candidato
socialista á Presidencia da Xunta, consciente de que “sería corrido a gorrazos
por unha maioría que non atura máis enganos, máis mentiras e máis
desmantelamento dos servizos públicos”.
Reclamación do IVE
En
paralelo, preguntado polos xornalistas sobre a devolución do IVE, Gonzalo
Caballero volveu recordar que “trátase dun problema xerado por Montoro en 2017
e ao que o PP non quixo dar solución en 2019”, cando remataba o prazo legal
para facelo. É
por iso que rexeitou unha vez máis “a confrontación desleal” que está levando a
cabo Feijóo co goberno socialista e coa que xa “errou” o pasado ano, posto que
non lle deu réditos electorais e porque o ingreso das entregas a conta “resolveuse
como lle dixeramos os socialistas”.
“A
miña posición é seria, clara e coherente e non se moveu nin se moverá un ápice
do que dixen o pasado luns”, recalcou Gonzalo Caballero, para volver a sinalar
que o goberno estudará como facer os ingresos ás comunidades unha vez esgotada
a vía legalmente establecida.
Os
Orzamentos Xerais do Estado ou o novo modelo de financiamento autonómico foron
as vías que volveu apuntar o líder do PSdeG, quen reivindicou que “os
socialistas somos a mellor garantía para o financiamento das comunidades”.
Departamento de comunicación