O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, levou hoxe á sesión
de control do Parlamento a crise da sanidade pública. E, tras enumerar
ducias de concellos nos que a xente está saíndo á rúa a causa dos
“recortes” e o “desmantelamento” que está impoñendo Feijóo, preguntoulle
se “están todos equivocados”. “Porque ten incluso ao PP en contra”,
advertiulle.
Así as cousas, nun contexto de “anuncios
preelectorais” de novos hospitais e de servizos longamente demandados,
como a hemodinámica 24 horas en Ourense e Lugo, que só amosan “a
preocupación” de Feijóo ante o cambio de ciclo político en Galicia,
Gonzalo Caballero retou a Feijóo a cumprir coas súas verbas e
“comparecer no Parlamento para un debate monográfico sobre a sanidade
pública”.
E é que, como sinalou o líder do PSdeG, a
pesares da súa frase de “os médicos mandan e nós obedecemos” coa que
tentou xustificar o peche do paridoiro de Verín, Feijóo “non escoita aos
profesionais que lle piden non ter que atender a máis de 30 doentes ao
día ou poder dedicar 10 minutos a cada consulta”.
“O seu
compromiso coa sanidade pública vese no caso dunha enfermeira que
asinou 27 contratos laborais co Sergas nun só mes”, remachou Gonzalo
Caballero, e criticou que a resposta da Xunta ante as protestas
crecentes sexa “impoñer unha lei mordaza na sanidade pública” para
evitar carteis como os de ‘Verín non se pecha’.
“Porque
sabe que foi esa mobilización a que o puxo contra as cordas, e que, sen
esa protesta masiva, o paridoiro de Verín seguiría pechado”, recalcou o
máximo dirixente dos socialistas galegos: “hai unha maioría que está
defendendo a sanidade pública e vostede non a quere escoitar”.
Dito
isto, Gonzalo Caballero criticou a estratexia de Feijóo de tentar
culpar “de todo” ao goberno progresista en España, e afeoulle “a súa
escalada de mentiras”. “O problema de Galicia non é o seu
discurso sobre o IVE, o problema é vostede: as súas políticas
sanitarias, o seu fracaso no rural, o seu esquecemento das cidades, que
deixa unha Galicia con menos xente traballando que cando chegou... Os
problemas de Galicia vainos encarar un novo goberno progresista”,
sentenciou o voceiro socialista no Parlamento.
E, de
paso, recordoulle que o goberno presidido por Pedro Sánchez “subiu as
pensións a 700.000 galegos, o salario mínimo a 83.000 galegos e o soldo a
100.000 traballadores públicos de Galicia”, e sen desatender a
importancia da transición ecolóxica. Ao fío disto, sinaloulle que
regulamento de Costas e a lei vixente son as que deixou aprobadas o
goberno do PP.
Por último, Gonzalo Caballero esixiu a Feijóo que dea “explicacións
do que facía o goberno de Rajoy, que usaba os fondos reservados para
tapar as chanchulladas do PP”. “Vostede era membro da súa xunta
directiva”, engadiu, para advertirlle de que “non está capacitado para
dar leccións”. Departamento de comunicación