O BNG acaba de
rexistrar no Congreso unha iniciativa exixindo a eliminación dos
réximes penitenciarios baseados no illamento total no Estado
español, onde se mantén aínda en vigor a Orde de Servizo 6/2016,
de 10 de agosto de 2016, do Subdirector Xeral de Tratamento e Xestión
Penitenciaria da SGIP, sobre "Medidas
de seguridade específicas para o control de internos incluidos no
FIES 1 CD destinados en departamentos de réxime especial".
O
deputado nacionalista denuncia que este réxime está fóra da
legalidade española, polo cal exixe ao Goberno a retirada inmediata
da Orde de Servizo 6/2016 e pregunta cantos reclusos e reclusas se
atopan incluídos neste réxime de illamento total, en que centros e
nas condicións nas que se están a desenvolver.
Néstor
Rego lembra a situación a que foi sometido Julian Assange, un dos
casos internacionais máis coñecidos do momento, que estaba baixo
esta mesma situación de incomunicación absoluta, tratamento que lle
causou graves problemas médicos. Ante
esta situación de total illamento, de falta total de contacto
humano, e as graves consecuencias que tivo para a súa saúde,
diferentes autoridades e organizacións internacionais reclamaron que
se puxese fin a este tipo de réximes de reclusión.
Así,
a Asociación Médica Mundial acaba de publicar a Declaración
sobre Illamento Prisional,
aprobada na súa 70ª Asemblea Xeral, celebrada en Tbilisi, un
documento no que se revisa o impacto desta medida sobre a saúde da
persoa recluída, as normas internacionais sobre o seu uso, as
condicións en que poderá ser posta en práctica e a función de
médicos e médicas. Neste documento recoméndase a retirada do
réxime penitenciario pechado como forma xeral de tratamento. Departamento de comunicación