O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo unha xuntanza
de traballo coa vicepresidenta de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera,
para poñer en valor a importancia de defender o medio ambiente e
recoñecer o traballo do goberno de España. Así mesmo, sinalou a
importancia de que a loita contra o cambio climático se faga "de forma
xusta" coa “máxima atención e compromiso posibles" no emprego en
Galicia.
Caballero sinalou que o goberno de Rajoy careceu
de estratexia medioambiental e enerxética, e tócalle ao goberno de
Pedro Sánchez corrixir esa herdanza e abordar os problemas. "Agora todo o
mundo recoñece a gravidade do cambio climático pero o PP non fixo os
deberes cando gobernaba".
“Queremos unha Galicia verde e
unha transición ecolóxica xusta co emprego”, sinalou o líder dos
socialistas galegos, quen destacou que as cuestións relativas a Galicia
están sobre a mesa do goberno progresista. Na etapa do PP, recordou,
“nunca” houbo “a máis mínima preocupación” polas cuestións
medioambientais nin se fixo unha axeitada planificación enerxética
industrial.
Con este goberno, como apuntou o secretario
xeral socialista, “en próximos días” sairá a exposición pública o
estatuto das empresas electrointensivas. "Era un compromiso que se
cumpre, un avance importante para o sector, pero hai que seguir
traballando e pendentes dos plans da multinacional Alcoa, que ten que
seguir comprometida coa planta de San Cibrao", engadiu.
“Hai
que seguir traballando coa prioridade do emprego, e manter a presión
sobre unha empresa que recibiu axudas millonarias durante anos, e segue
sendo a que máis recibe en axudas polo CO2”, incidiu Gonzalo Caballero,
consciente de que o PP deixou “unha herdanza envelenada” tamén en
cuestións enerxéticas.
Neste punto, censurou que Feijóo
non reclamara ante o goberno de Rajoy medidas para garantir a
viabilidade das empresas que requiren dun gran consumo enerxético para o
seu funcionamento, “unha proba máis do seu cinismo político” e de que o
seu interese nas cuestións galegas redúcese só “a unha estratexia
partidaria de confrontación” co goberno de Pedro Sánchez.
“Agora ten que poñerse do lado dun goberno que atende ás necesidades
das empresas e que se centra no mantemento do emprego, sen perder de
vista a inescusable loita contra o cambio climático”, reclamou Gonzalo
Caballero.
Mantemento do emprego nas Pontes
Tamén no que atinxe
ao emprego, en relación ás Pontes, Gonzalo Caballero recalcou que o
traballo do executivo coa empresa conlevou “a garantía do mantemento dos
empregos” dos traballadores da central, así como que actualmente se
estean facendo probas para a combustión combinada con outras fontes de
enerxía. De feito, o goberno está comprometido e impulsou que se sigan
facendo probas para buscar a viabilidade da empresa con outras fontes
enerxéticas.
En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG
puxo en valor a importancia de incluír As Pontes nos plans de axudas
para as bisbarras que contan con centrais termoeléctricas de carbón, a
fin de combinar os procesos de descarbonización coa busca de novos
proxectos enerxéticos e industriais.
“Seguimos pendentes e
traballaremos por un convenio de transición ecolóxica xusta para As
Pontes, e o goberno traballa e configurará a mesa cos actores
involucrados”, sinalou Gonzalo Caballero.
Lei de costas
Ademais,
no transcurso da xuntanza coa vicepresidenta, o responsable do PSdeG
trasladoulle as “falacias” que está vertendo o PP galego, con Feijóo á
fronte, sobre o regulamento e a lei de Costas. Os textos
normativos en vigor en materia de Costas, como confirmou a propia
vicepresidenta, son a Lei e o Regulamento aprobados polo PP na etapa de
Rajoy.
"O PP tenta xerar alarmismo en algo no que toda a
responsabilidade sería súa", advertiu Gonzalo Caballero, toda vez que o
goberno aplica a lexislación vixente e está concedendo todas as
prórrogas de concesións de acordo á lei, sen que se detectara ningunha
problemática real, senón simplemente "as mentiras dun PP que cre que
todo vale". Departamento de comunicación