OURENSE | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, levou hoxe “a axenda
de cambio” ata Ourense, onde mantivo unha xuntanza de traballo con
cargos do partido na provincia, e criticou que Feijóo tente “despistar á
opinión pública” sen aclarar o escenario electoral.
“Busca
despistar do seu fracaso, e non falar dos seus recortes na sanidade, do
abandono do rural..., porque sabe que as contas non lle dan”, agregou o
líder do PSdeG, antes de requirir a Feijóo “que teña responsabilidade e
dignidade política” para non facer “vantaxismo” coa data electoral.
En
todo caso, Gonzalo Caballero deixou claro que “os socialistas estamos
preparados para o cambio de ciclo” cando Feijóo queira poñer as
eleccións, co aval do traballo feito dende a súa chegada á Secretaría
Xeral do PSdeG e tamén da labor do goberno de Pedro Sánchez. “Amosa que o
país avanza cando gobernan os progresistas e retrocede cando o fan os
conservadores”, evidenciou.
Así é, como concluíu, que
“hai un novo vento a favor do progresismo en Galicia” e que a
mobilización desa Galicia nova que “non se resigna ao diagnóstico en
branco e negro do PP” será clave. Ao fío disto, o
candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta chamou a secundar a
manifestación de mañá en Santiago a “todos os que defendemos a sanidade
pública, co peche do paridoiro de Verín como punta do iceberg dos
recortes de Feijóo”.
Intermodal de Ourense
No
que atinxe á intermodal de Ourense, Gonzalo Caballero recordou que “ten
o selo do PP”, posto que o proxecto foi aprobado cun alcalde do PP, un
presidente da Xunta do PP e unha ministra e un presidente do goberno do
PP, mentres que os socialistas estamos a favor de acometer todas as
melloras posibles que favorezan á cidade.
A maiores, o
líder socialista sinalou que Feijóo ten que aclarar aos ourensáns e ás
ourensás a ubicación onde decidiu poñer a estación de autobuses, que
tanto rexeitamento está xerando na cidade. O máximo dirixente do PSdeG reclamou que Feijóo e “o seu alcalde” de
Ourense comparezan para “explicar o seu proxecto para a cidade”. Pola
súa banda, abriu a porta a estudar opcións “para integrar a estación
intermodal no territorio do mellor xeito posible”.
Financiamento autonómico
En paralelo, tamén a
preguntas dos xornalistas, Gonzalo Caballero subliñou que “a única
fórmula para solucionar o problema do IVE que xerou Montoro en 2017
mentres Feijóo aplaudía” é un goberno progresista que busque “mecanismos
de corrección” ben vía Orzamentos Xerais do Estado, ben vía novo modelo
de financiamento autonómico.
“O PP xerou o problema e
impediu solucionalo en 2019, pero o goberno progresista buscará como
drenar fondos ás comunidades”, recalcou o líder socialista en alusión a
un problema que, lonxe do “España nos roba en versión Feijóo”, afecta a
todas as comunidades.
Ademais, Gonzalo Caballero lamentou
que “Feijóo non quere falar” do informe do Tribunal de Cuentas que
recolle que “a parálise das obras do AVE entre 2014 e 2017, co goberno
de Rajoy, implicou un sobrecuste de 500 millóns de euros”.
“Pero
Feijóo non asume ningunha responsabilidade”, agregou o dirixente
socialista, consciente de que eses fondos máis que duplican os cartos do
IVE de 2017. “Está nunha vía de confrontación que non resolve os
problemas dos galegos”, concluíu. Departamento de comunicación