A tempada de pesca para o ano 2020 na
Comunidade autónoma galega comezará o vindeiro 15 de marzo e rematará o
31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na Orde que recolle as
normas de pesca nas augas continentais, que hoxe publica o Diario
Oficial de Galicia (DOG). Trátase da orde anual na que se definen as
normas xerais de pesca das distintas especies ictícolas nas augas
continentais de Galicia, de acordo co previsto no Regulamento de pesca
fluvial de Galicia (Decreto 130/1997, do 14 de maio).
Tal e como
se recolle na resolución publicada, o período hábil para a pesca do
salmón irá dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o
remate da temporada en función das cotas de captura. Nos tramos
compartidos do río Eo a tempada rematará o 15 de xullo e nos coutos do
río Ulla rematará o 30 de xuño.
A cota de captura está establecida
nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40
centímetros (45cm no caso dos coutos compartidos con Asturias). Este ano
védase o couto de Monteporreiro no Lérez, e a cota anual no río Ulla
establécese nos 40 exemplares. No río Mandeo os exemplares serán 5, 15
no río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de Salmeán. No resto dos
coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.
En
relación cos engados, poden ser naturais autorizados como as miñocas e
quisquillas, ou artificiais que son construídos imitando animais ou
outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren
capturar. Estes poden ser a mosca artificial, culleriña e peixes
artificiais ou semellantes.
A pesca do reo
A tempada hábil en xeral comeza o 1 de maio e remata o 31 de xullo. A tempada prorrógase nas seguintes masas de auga:
-
Coutos de Betanzos, Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, A
Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), e
Xuvia: a tempada rematará o 30 de setembro.
- Couto de Lambre: prorrógase ata o 15 de setembro.
- Nos coutos Ponte Arnelas, Pontevea, Santeles Sinde e Ximonde ata o 31 de agosto.
Sobre
os engados, nos caso dos artificiais permítense os mesmos que no caso
do salmón ao que se suma o risco. No que respecta aos engados naturais,
permítense todos agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural, e
nas augas salmoneiras non se permiten os cebos naturais agás os
autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.
Captura da troita
Para
esta especie a tempada comezará o 15 de marzo e rematará o 31 de xullo.
Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de
setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas
de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.
Por
norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e
por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados son os
mesmos que os da tempada pasada. Para a tempada 2020 védanse en
todas as masas de auga as seguintes especies: cangrexo de río, reñosa,
espiñento, zamborca e anguía, e a pesca da saboga só se autoriza no
tramo do río Ulla comprendido entre a presa de Couso e a desembocadura
entre o 1 de maio e o 14 de xuño.
Xornadas hábiles
Tal e
como se recolle na normativa, con carácter xeral decláranse os luns como
inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os
xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en
todas as masas de auga, excepto o 9 de abril (Xoves Santo), que será
hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.
En
relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período
comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da
posta. As horas serán as establecidas na páxina web de Meteogalicia.