A
viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, salientou tras a reunión informal da
Xunta de Portavoces, que o BNG xa empezou a traballar para enfrontar a campaña
electoral, “con forza e coa ilusión de abrir un tempo novo neste país que
aspiramos a liderar porque temos un proxecto sólido e solvente para mellorar a
vida dos galegos e das galegas e temos a candidata mellor valorada que é Ana Pontón”.
“Urxe deixar atrás os dez anos de
desfeita do mandato de Feixóo e queremos liderar o cambio real que permita
poñer Galiza en marcha, tras unha década de parálise e pasar páxina dun Goberno
do PP esgotado e fracasado. Traballar arreo para encarar a campaña e que o cinco
de abril se abra un tempo novo que este país precisa como auga de maio”,
explica a viceportavoz.
Rodil insistiu en que o BNG está “preparado,
cos deberes feitos e convencido de que pode liderar ese cambio real”, e
insistiu en que a formación nacionalista concorrerá ás eleccións con seu
proxecto e coa súa candidata, o que non impide que teña a man tendida para todas
as persoas que aposten por abrir un tempo da man dunha forza de país, que non ten
máis obxectivo que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas, sen
subordinación a ningunha dirección madrileña.
“Temos un proxecto serio, sólido para
mellorar a vida das xente deste país e un liderado consolidado na nosa
candidata Ana Pontón, e así nos imos presentar nas eleccións ante os galegos e
as galegas para poñer este país en marcha”, concluíu. Tras a publicación do
decreto de convocatoria electoral, é a Deputación Permanente a que toma o mando
do Parlamento. Departamento de comunicación