CERCEDA | No
marco do Plan galego de Xestión de Residuos e a Estratexia de Economía
Circular, Galicia avanza no bo camiño cara ao cumprimento dos dous
grandes obxectivos europeos en materia de residuos: reducir a súa
produción e incrementar o seu reciclado.
Así
o evidencian os datos de Sogama correspondentes ao ano 2019. Das
799.454,49 toneladas de bolsa negra (lixo convencional recollido a
través dos contedores verdes) recepcionadas nas súas instalacións de
Cerceda en 2018, baixouse ás 789.014 toneladas o pasado ano, o que se
traduce nun 1,31% menos, marcando unha tendencia á baixa que Xunta e
Sogama confían en manter durante os próximos anos a través de incentivos
ambientais e económicos, reforzados con permanentes campañas de
formación e concienciación social.
Neste
sentido, cabe recordar que, en 2019, a Sociedade Galega do Medio
Ambiente aplicou unha rebaixa do 10% no canon que deben abonar os
concellos polo tratamento dos seus residuos, estando esta supeditada a
dous requisitos: promover a redución de refugallos en orixe e/ou
reciclaxe dos envases lixeiros (bolsa amarela) e trasladar esta
bonificación aos cidadáns.
Dos
295 concellos adscritos a Sogama, 224 acolléronse a esta medida,
estimándose un aforro de aproximadamente 5 millóns de euros, ademais dos
conseguintes beneficios ambientais. A redución media da xeración de
lixo tivo lugar nas catro provincias galegas.
Tal
e como se anunciou no DOG do pasado 23 de xaneiro, a Xunta de Galicia, a
través de Sogama, mantén en 2020 a rebaixa do canon, nos mesmos termos
de 2019, abríndoa incluso a aqueles entes locais que, no seu momento,
non se acolleran á mesma ou ben que non deran debido cumprimento aos
condicionantes establecidos. O obxectivo do goberno autonómico é que
estes se beneficien dunha segunda oportunidade, propiciando que os
cidadáns paguen menos pola xestión dos seus residuos e contribúan a
protexer o medio ambiente a través da prevención e redución, así como
dunha maior reciclaxe.
Reciclaxe ao alza
No
caso da reciclaxe da bolsa amarela, a evolución tivo un carácter
ascendente durante os últimos cinco anos, pasando das 22.119,07
toneladas recibidas na Planta de Clasificación de Sogama en 2015 ás
25.818,89 de 2018 e ás 28.326,59 toneladas de 2019.
Respecto
de 2018, a recuperación desta fracción viuse incrementada nun 9,71% e,
se tomamos como referencia o 2015, esta porcentaxe sobe ata o 28,06%.Así
mesmo, a compañía conseguiu recuperar, do lixo convencional, máis de
81.000 toneladas de materiais (aceiro, aluminio, vidro, plásticos, etc)
que foron enviados aos centros recicladores, confiando en alcanzar este
mesmo exercicio as 100.000 toneladas.
Innovación tecnolóxica e colaboración cidadá
Trala
ampliación do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, esta
infraestrutura conta cunha nova planta para a recuperación dos materiais
contidos no lixo en masa. En liña coa industria 4.0 e, utilizando as
tecnoloxías máis vangardistas, consegue segregar ata 11 tipoloxías de
refugallos que remite aos centros recicladores para darlles unha nova
vida.
Con
esta instalación e a remodelación da antiga planta de reciclaxe,
tratamento e elaboración de combustible, o Complexo cercedense, todo un
referente a nivel mundial en termos de eficiencia, innovación e
modernidade, conta xa con capacidade para tratar en condicións óptimas 1
millón de toneladas anuais (un 81% máis que en 2018), podendo recibir,
se así fose necesario, todos os residuos urbanos producidos en Galicia.
Esta
mellora permitirá a Sogama seguir aumentando de forma exponencial a súa
achega á reciclaxe e alcanzar este mesmo ano ao vertido técnico cero,
desviando a vertedoiro, única e exclusivamente, a parte do lixo que non
se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente. Desta forma, Galicia
adiántase en 15 anos ao cumprimento das directrices establecidas polo
Parlamento Europeo para todos os Estados membros en 2035.
A
maior colaboración dos galegos e a firme aposta desta empresa pública
pola innovación tecnolóxica, fará posible que Galicia sexa un exemplo a
seguir en economía circular: protexendo a contorna, velando pola saúde
das persoas e o seu benestar, e creando emprego verde de calidade. Departamento de comunicación