O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero,
convocou hoxe a todos os galegos a “unha gran alianza para traballar por
unha Galicia mellor” a partir do vindeiro 5 de abril despois de 11 anos
de Feijóo nos que “Galicia foi a peor en todos os parámetros
importantes”, como emprego, demografía e servizos públicos.
Gonzalo
Caballero compareceu hoxe ante os medios para subliñar que o PSdeG
representa “o cambio no que se pode confiar” e que, ademais, é
“necesario” para superar os retos que ten por diante Galicia. “Eu
non me resigno ao balance negativo que deixa Feijóo nin a un presidente
que mentiu incluso co calendario electoral”, remarcou, ao recordar que
Feijóo chegou a asegurar que non había “ningún motivo” para adiantar os
comicios.
“Incumpre unha vez máis a súa palabra para
tentar acadar algún vantaxismo que lle poida dar os réditos que foi
perdendo”, evidenciou o líder dos socialistas galegos, consciente de que
Feijóo cada día é “un problema maior” para Galicia. En
todo caso, Gonzalo Caballero deixou claro que “estamos preparados” para
afrontar esta cita. “Temos todos os deberes feitos para xerar o cambio
que Galicia necesita e para facelo dende os valores do progresismo, do
galeguismo, do compromiso ecolóxico, do compromiso coa política próxima á
cidadanía e coa defensa dos servizos públicos. Imos cumprir con
Galicia”, remarcou.
Neste
escenario, o secretario xeral do PSdeG apelou a esa “nova maioría
social que emerxeu con forza” nas distintas convocatorias electorais do
ano pasado para dicirlle a Feijóo que “non nos resignamos” á súa “falla
de proxecto” para Galicia.
“Imos patear o país de arriba
abaixo para falar con todos os galegos. Porque se hai moita
participación o 5 de abril, non hai ninguén que pare o cambio”, agregou o
dirixente socialista, antes de finalizar: “Nada está feito, pero o
vento de cambio sopra con forza”. Departamento de comunicación