O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero,
mantivo hoxe unha xuntanza coa plataforma Galicia Baleira, que aglutina
400 asociacións de veciños das provincias de Lugo e Ourense, para amosar
o seu compromiso coa aposta polo medio rural. Nese encontro estiveron
tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os secretarios provinciais do
PSOE en Lugo e Ourense, Patricia Otero e Rafael Rodríguez Villarino,
respectivamente.
Coa necesidade de frear o despoboamento
en mente, o líder socialista lamentou que os 11 anos de Feijóo “deixan
unha Galicia sen vertebración territorial”, posto que o PP “esqueceuse
de conectar co impulso urbano e de respaldar ao rural”. “Non podemos ter
unha Galicia de dúas velocidades”, recalcou, consciente de que no
interior fan falla servizos públicos e emprego.
Pola súa
banda, Gonzalo Caballero prometeu “un novo tempo” tamén para o rural,
cunha aposta pola educación pública, a sanidade pública e a atención aos
maiores combinada cunha política económica e de vertebración do
territorio que poña “a prioridade nas persoas”.
“Hai que
meter a marcha cara o futuro, a Galicia do medio rural non pode ir a
ralentí como vai con Feijóo”, incidiu o candidato socialista á
Presidencia da Xunta, quen exemplificou no caso do peche do paridoiro de
Verín a “falla de compromiso de Feijóo coa Galicia interior”. Os
“guiños” que pretende facer en campaña ao rural, advertiu, non ocultarán
o “despoboamento” e a “falla de oportunidades” actual.
“Feijóo
prometeu que esta ía ser a lexislatura do rural, pero foi a do abandono
do rural”, recalcou Gonzalo Caballero, á vista do “balance nefasto” que
deixa a súa xestión. De feito, ao recorte de servizos no rural e á
falla de impulso aos sectores primarios sumou o feito de que hoxe en
Galicia hai 50.000 traballadores menos mentres en España hai 650.000
máis. “E un país sen emprego non dá posibilidades de desenvolver un
proxecto de vida digno”, engadiu.
Neste escenario, o cabeza de cartel do PSdeG explicou que “tomaremos o
mellor” do modelo escocés para facer deseñar unha axencia de
desenvolvemento do rural e de revitalización da demografía. Dependente
da Presidencia da Xunta, será “a garantía dunha política transversal e
da defensa dos dereitos do rural”.
"Reequilibrio territorial"
Pola súa banda, a rexedora de Lugo remarcou a importancia da creación
de emprego para “xerar riqueza” no interior e, así, asentar a
poboación. Neste contexto, Lara Méndez advertiu que tamén as
infraestruturas son “imprescindibles” para dotar de “competitividade” ao
territorio.
“Feijóo deixa un rural máis despoboado e con
menos oportunidades”, lamentou a alcaldesa de Lugo, quen avogou por que
“se poida vivir no rural e do rural”. Así mesmo, o
secretario provincial socialista en Ourense puxo o foco en que o
concepto do “reequilibrio territorial” desapareceu co goberno
progresista na Xunta e subliñou a importancia deste termo á vista de que
Ourense é “a provincia máis envellecida de España”.
Por
iso, amosouse convencido de que un goberno galego encabezado por Gonzalo
Caballero traballará para “reverter” o alto grao de envellecemento e
despoboamento que fundamentalmente atinxe ás provincias de Lugo e
Ourense.
"Sangría demográfica"
Da “sangría
demográfica” falou o presidente da plataforma Galicia Baleira, Jesús
Vázquez, quen sinalou que as provincias de Lugo e Ourense perderon uns
300.000 habitantes nas últimas décadas.
“Ou tomamos isto
en serio ou non temos futuro”, recalcou, consciente de que no rural
“cada vez somos menos e máis vellos” sen que por iso “teñamos menos
dereitos”. De aí que, tras agradecer a recepción do
Partido Socialista, con Gonzalo Caballero á cabeza, subliñase o “déficit
tremendo” en materia de sanidade pública e de ambulancias e no eido da
atención a maiores en residencias públicas e centros de día.
Reclamou “discriminación positiva” para o rural, para mellorar a
cobertura móbil, os servizos e as infraestruturas e apoiar a creación de
emprego e os sectores primarios. Departamento de comunicación