A Consellería de Sanidade informou á Axencia Española de Seguridade
Alimentaria e Nutrición (AESAN) dunha serie de incumprimentos graves
detectados nun control oficial realizado na empresa Lácteos Casa Macán
S.L., o que non permite garantir a seguridade dos produtos alí
elaborados.
Como consecuencia desta actuación, os servizos
veterinarios de Saúde Pública da zona veterinaria de Lugo da Consellería
de Sanidade suspenderon cautelarmente todas as actividades da industria
e interviron todos os produtos existentes na empresa láctea, ademais de
ordenar a retirada das canles de distribución de todos os produtos
comercializados.
Están afectados por esta alerta todos os lotes
dos distintos produtos de Casa Macán como manteiga cocida de vaca,
queixo D.O. Arzúa Ulloa, queixo D.O, Tetilla, queixo D.O, Arzúa Ulloa
curado, queixo barra Costeño e queixo galego en rebanadas.
Recoméndase ás persoas que teñan estes produtos que non os consuman e os devolvan ao punto de compra. Segundo a información dispoñible ata o de agora, estes lácteos foron distribuídos en Galicia, Cataluña e Castela-A Mancha.