O
“salto de xigante” que supuxo para Galiza o acordo de investidura demostrou a
importancia de ter forzas propias, de tal xeito que só nun mes e cun deputado,
Nestor Rego, o BNG logrou máis que Feixóo en dez anos de submisión e
incompetencia.
Se con esa representación no Congreso Galiza
recuperou voz propia e influencia ante o Estado, a portavoz nacional, Ana Pontón,
convida a imaxinar do que sería capaz un Goberno da Xunta presidido polo
Bloque.
“Sería o mellor que lle pode pasar a
este país: unha Presidencia liderada polo BNG, por unha forza coas mans libres
para defender Galiza e rematar con tempo de gobernos de forzas estatais que se
alternan na discriminación, subordinando os nosos intereses ao que lles mandan
desde Madrid”, explicou a candidata nacionalista.
Pontón destacou que “non chega un
cambio cosmético nin de caras”, é preciso abrir un cambio político real capaz
de poñer en marcha unha Galiza máis xusta, con máis igualdade, benestar social,
orgullosa e na que vivir e traballar. “E só o BNG é garantía dese cambio real”,
sen límites nin mordazas, recalcou.
“Imos a por todas porque temos un
proxecto sólido capaz de mellorar a vida das persoas e unha organización unida
para, a partir do 5A, desde o convencemento de que non haberá maiorías
absolutas, liderar o cambio real e superar a mera alternancia que xa vemos que da de si”,
recalcou Pontón, tras destacar que ve a Feixóo “ao borde dun ataque de nervios”
ante un Bloque a alza.
Preguntada pola proposta do candidato
do PSOE de manter un cara a cara co candidato do PP, a portavoz nacionalista rexeita
recortar a pluralidade nos debates e receita prudencia en lugar de pretender
adiantarse ao veredicto nas urnas.
“Mal empezamos a campaña electoral
querendo limitar o pluralismo político nos debates”, subliñou, “e tamén pediría
un pouco de modestia porque primeiro terán que falar os galegos e as galegas
para dicir a que forza política lle corresponde a responsabilidade de goberno e
nesa carreira todos e todas estamos situados”.
Por iso, con idéntica lóxica se
pregunta “por que non un cara a cara Pontón-Feixóo, estou segura suscitaría
debate na sociedade e son tan candidata á Presidencia como calquera outro
candidato”. “Ten que haber debate plural e non parece lóxico que outras forzas
se apunten á teoría de Feixóo de fuxir dos debates con Bloque”, alegou, confiando
en que a TVG estea á altura e non volva caer no “bochorno de convocar debates
clandestinos en horarios de mínima audiencia”, como nos últimos comicios
estatais.
Resultado comisión de seguimento
A líder nacionalista facía estas
valoracións nunha comparecencia para explicar o resultado da comisión de
seguimento do acordo de investidura, xunto co deputado Nestor Rego e a portavoz
municipal en Santiago, Goretti Sanmartín.
Rego destacou que, se ben hai
cuestións importantes ligadas á aprobación dos orzamentos, xa houbo avances en
tres cuestións relevantes. Axilizar a convocatoria da mesa de traballo para As
Pontes con todas as partes implicadas, apurar a creación dos tres novos xulgados
contra a violencia machista e a aprobación do estatuto para as
electrointensivas, que debe ser mellorado para dar unha solución estable ao
sector.
En canto á posta en marcha da comisión
mixta de transferencias Xunta-Estado, salientou que por motivo do adianto
electoral quedou aprazada até despois da cita coas urnas, e confía en que a
partir do cinco de abril o Goberno que negocie máis competencias para
Galiza, -tras unha década de seca-, sexa
un Executivo “presidido por Ana Pontón”.
Rego tamén deixou clara a posición do
BNG sobre a devolución do IVE, ironizando sobre a hábito do PP “para difundir a
realidade ao revés”, indicando que na votación en pleno foron os populares os que votaron en contra de
reclamar non só os 200 M€ que o Estado debe en IVE, senón tamén os 170 millóns de euros que
debe en concepto de incentivos. “Será que como están convencidos de que van
perder o Goberno xa non lles interesa eses recursos”, ironizou. Departamento de comunicación