CERVO / LUGO | O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, mantivo hoxe
unha reunión co comité de empresa de Alcoa para, tras valorar a
situación actual do sector, demandar medidas efectivas que rebaixen o
prezo da electricidade e presentar alegacións ao novo estatuto
electrointensivo do Goberno.
“Lamentablemente, segundo van
avanzando os meses estamos cada día nunha situación máis delicada.
Comprendemos e compartimos a inquietude do comité de empresa e das
familias”, aseverou incidindo en que non só se trata dun problema que
afecta aos 2.000 traballadores da planta de San Cibrao, senón tamén a un
conxunto de empresas na provincia da Coruña; “estamos a falar dun total
de 5.000 familias sen viabilidade nos seus postos de traballo nos
próximos meses”.
Ao longo do encontro, Feijóo denunciou que o novo
estatuto das industrias electrointensivas, presentado hai unha semana,
en vez de ser unha garantía para que estas empresas sexan viables é “a
sentenza clara” para que vaian pechando de forma consecutiva. “Este
estatuto é a acta de defunción das empresas que utilizan a enerxía como
materia prima determinante nos seus custes”, abundou, referíndose tamén á
decisión do Estado de incrementar o número de posibles empresas
beneficiarias pasando de 119 a 600; un incremento que favorece sobre
todo a Cataluña e País Vasco e que, pola contra, prexudica ás industrias
que consumen máis electricidade como é o caso de Galicia.
Sobre
este punto, Feijóo lembrou que Galicia leva 11 anos traballando para que
Alcoa teña prezos competitivos da luz. E “ata 2018 conseguímolo”, dixo,
precisando que mentres o prezo da luz ata esa data estaba entre os 35 e
os 37 euros por megavatio/hora, agora está entre os 47 e os 55 euros
por megavatio/hora, un prezo que fai que Alcoa non sexa viable.
Diante
desta situación, o titular da Xunta aseverou que as alegacións que
presentará o Executivo autonómico, “coincidentes co comité de empresa de
Alcoa”, entran dentro do marco europeo e da potestade fiscal que ten
España para regular os impostos que gravan a enerxía. Ao respecto,
incidiu na necesidade de desenvolver unha política fiscal que grave con
menos impostos a enerxía que consomen as empresas
hiperelectrointensivas; así como establecer contías como as que había
anteriormente no ámbito do CO2 e no eido da ininterrompibilidade. Unhas
medidas que se aplican en Francia e Alemaña e que tamén se viñan
aplicando en Galicia.
“En definitiva, estamos a falar dun borrador
que supón a acta de defunción das empresas electrointensivas”,
reiterou, insistindo en que o Goberno central ten que deixar sen efecto
este texto, “aceptar as alegacións que presentaremos o día 20 deste mes e
chegar ao 29 de febreiro cun texto consensuado entre os traballadores e
as administracións públicas”, concluíu.