VIGO | O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero,
iniciou hoxe en Vigo, a súa cidade, a rolda de contactos cos alcaldes
das cidades galegas. En compañía de Abel Caballero, sinalou que Feijóo
foi “un inimigo” das cidades e comprometeuse a que todas elas teñan no
próximo goberno progresista na Xunta “un aliado”.
“Teño
un compromiso coa Galicia urbana, coas cidades de Galicia, para que cada
unha teña no próximo goberno da Xunta de Galicia un aliado”, recalcou o
candidato socialista, quen afirmou que “non hai compromiso con Galicia
se non hai compromiso coas cidades galegas”.
Despois de
atribuír o feito de que Feijóo “foi un inimigo político das cidades
galegas” a que nelas existen “maiorías progresistas“, Gonzalo Caballero
defendeu que “é necesaria unha nova política de vertebración territorial
en Galicia”. “Hai que impulsar á Galicia urbana,
conectar a Galicia máis dinámica, máis áxil, máis nova, a Galicia máis
innovadora e máis emprendedora cun novo tempo político á fronte da Xunta
de Galicia”, incidiu o secretario xeral do PSdeG, sen esquecerse da
importancia de revitalizar o medio rural.
Así o dixo aos
xornalistas tras manter unha xuntanza con Abel Caballero; a presidenta
da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o delegado da Zona Franca,
David Regades. E engadiu: “Quixen empezar en Vigo a rolda de contactos
porque Vigo representa un bo exemplo de como os socialistas sabemos
gobernar”.
"Abandono de Vigo"
Ao fío
disto, o candidato socialista á Xunta destacou “a capacidade de xestión e
o compromiso coa cidadanía” do equipo que capitanea Abel Caballero e
concluíu que “por iso Vigo resultados tan claros e contundentes, de
maioría aplastante”.
Neste punto, Gonzalo Caballero
sinalou que “Feijóo esqueceuse da importancia das cidades, e iso
sabémolo ben en Vigo”. “Fronte ao compromiso do alcalde en defensa
intereses de cidade, Feijóo deixou no caixón todos os? proxectos
importantes para a cidade. O que estaba en curso o aparcou ou puxo
impedimentos para que non saíra a toda velocidade“, apostilou.
“Hai
recortes en sanidade, recortes en educación pública, falla de
compromiso coas infraestruturas, falla de compromiso co Casco Vello,
coas parroquias... Un balance negativo para as viguesas e os vigueses,
que saben que con Feijóo á fronte da Xunta, Vigo quedou relegada nun
caixón”, sentenciou Gonzalo Caballero, quen criticou que Feijóo elixira
Vigo para presentar a súa candidatura tras “once anos de abandono”.
“Presentou
o seu proxecto xustamente a carón de Barreras, onde ten mellor mostra
do seu desastre de política industrial e das súas relacións cunha
petroleira mexicana que non trouxo os buques que tiña comprometidos para
Galicia, e que derivou nunha crise que foi rebaixada por parte do
goberno de España”, recalcou o líder socialista, quen chamou a traballar
“polo Vigo que queremos e pola Galicia que queremos”.
"Galicia vai a peor"
Nese
sentido, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que “o cambio político é
imprescindible, porque “Feijóo di que Galicia é moito, pero Galicia vai a
peor en todos os parámetros importantes dende que goberna Feijóo”. “Hai
50.000 empregados menos mentres en España hai 650.000 empregados máis”,
exemplificou, sen esquecer que hoxe hai “menos poboación, recortes nos
servizos, unha crise sanitaria sen precedentes, falla de política de
vertebración territorial...”. “Feijóo deixa unha Galicia en peores
circunstancias“, remarcou.
“E non nos podemos resignar a
que Feijóo siga esgotando o país”, subliñou o candidato do PSdeG á
Xunta, para destacar que “se hai unha mobilización masiva o 5 de abril, o
cambio político é imparable en Galicia”. “Por iso Feijóo quere pasar de
puntillas por esta campaña electoral, para non dar contas de desfeita
que deixa no país“, finalizou, tras sinalar que onte mesmo saían ás rúas
tamén en Cedeira centos de persoas para reprobar a xestión sanitaria de
Feijóo.
"Descaro de Feijóo"
Pola súa
banda, o alcalde de Vigo agradeceu a visita do “próximo presidente da
Xunta” para falar dos asuntos relevantes para a súa cidade. De feito,
explicou que trasladou a Gonzalo Caballero un documento que xa enviou,
sen éxito, a Feijóo, coas “demandas históricas” da urbe. “Nos
once anos de Feijóo, a Xunta deixou de investir case 2.000 millóns de
euros en Vigo”, denunciou Abel Caballero, crítico co “abandono” que
Feijóo inflixiu á súa cidade. “As últimas humanizacións competencia da
Xunta en Vigo fíxoas Touriño”, evidenciou.
Precisamente
por iso, o rexedor criticou que Feijóo teña “o descaro político” de
iniciar a campaña en Vigo, tras “condenar ao ostracismo” á cidade. “Teño a confianza de que o seguinte presidente da Xunta vai ser
Gonzalo Caballero, por iso lle transmitimos todo ao que Vigo ten
dereito”, explicou o tamén presidente da FEMP antes de concluír: “Chegou
o momento do cambio en Galicia”. Departamento de comunicación