LUGO | O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero,
recordou que “Feijóo leva gravado na fronte o PP aínda que agora queira
agochar as siglas” porque “cada vez que o PP di algo, alí está Feijóo”.
“Cando o PP tivo a condena pola Gürtel, Feijóo aplaudía a Rajoy; cando o
PP pactou con Vox, Feijóo dixo que era o que había que facer; cando o
PP votou no Congreso en contra dunha morte digna, Feijóo asumiuno e
votou o mesmo no Parlamento”, recalcou.
Por tanto,
sinalou Gonzalo Caballero, “o voto ao PP é o voto a Pablo Casado, a
Cayetana Álvarez de Toledo, a Aznar, ao PP que dirixe unha estratexia de
confrontación retrógrada e reaccionaria en alianza coa ultradereita de
Vox…”. “E nós imos lembrar cada día que pase que Feijóo é o PP, e que o
PP é un risco para as liberdades políticas, para os dereitos sociais,
para a igualdade e para o estado do benestar”, remarcou.
“En
política cada un está onde está. Eu estou no PSOE, e para min é un
orgullo ser membro do PSOE porque os socialistas transformamos España
para ben dende a Transición ata aquí”, destacou o candidato socialista,
quen puxo en valor que o PSOE “loitou polas autonomías, pola sanidade e
pola educación públicas, polos dereitos sociais, polas liberdades, polo
dereito á interrupción do embarazo, ao divorcio e a unha morte digna,
polo matrimonio entre persoas do mesmo sexo…”.
Neste
contexto, Gonzalo Caballero advertiu de que “non se pode permitir aos
políticos que agochen a súa ideoloxía” porque nas eleccións do vindeiro 5
de abril, afondou, os galegos e as galegas terán que decidir entre
“dous modos de entender o país e a sociedade”. E, fronte ao proxecto do
PP e os seus “socios” da dereita e a extrema dereita, de “esa España que
non suma, senón que desune”, o secretario xeral incidiu en que “nós
estamos coa maioría progresista”.
“Imos pedirlle aos galegos e ás galegas que nos acompañen para un
cambio de ciclo en Galicia, para respaldar un goberno de coalición
progresista en España e tamén para configurar un goberno progresista en
Galicia que responda á maioría social de progreso que hai no país”,
engadiu o máximo dirixente do PSdeG, consciente da importancia da
mobilización de cara a acadar un cambio de ciclo político en Galicia
despois de 11 anos do PP de Feijóo na Xunta.
Compromiso con Lugo
Gonzalo Caballero fixo estas
declaracións no marco dunha visita a Lugo para manter unha xuntanza coa
alcaldesa, Lara Méndez, e amosar o seu compromiso cunha cidade na que,
en palabras da rexedora, “Feijóo non inaugurou absolutamente nada en 11
anos de goberno”. “Non ten xestión que poñer en valor en Lugo”,
remachou.
“A cidadanía está farta e dicindo basta xa”,
sinalou a alcaldesa, consciente de que a cidadanía “quere cambio” e ter
un presidente da Xunta que “aposte polas cidades” e co cal “o rural
deixe de estar esquecido”. “Necesitamos unha persoa comprometida, como
Gonzalo Caballero”, reivindicou, e puxo en valor que xa ten avanzado o
seu “compromiso con Lugo” en distintas visitas á cidade.
“Eu
estou convencida de que a cidade de Lugo vai responder, porque
necesitamos ese cambio na Xunta para seguir crecendo”, manifestou Lara
Méndez, ao que Gonzalo Caballero asegurou que a alcaldesa de Lugo terá
no vindeiro presidente da Xunta “un aliado” na busca de melloras para a
cidade.
“Nos seis primeiros meses de goberno imos
desatascar proxectos históricos de Lugo que están atrancados por Feijóo e
polo PP. Comprometémonos a poñer en marcha o Museo da Romanización, a
desatascar o Plan Paradai e a Ronda Leste”, prometeu o candidato
socialista, consciente de que “Lugo merece esa aposta” porque “é
fundamental para os veciños da cidade e para toda a provincia”.
"Eleccións moi importantes"
Despois
de apuntar que Feijóo non tivo “empatía” coas cidades porque nelas hai
“unha maioría progresista liderada polo PSdeG”, Gonzalo Caballero
sinalou que “os alcaldes socialistas son a mellor garantía para o
progreso da cidadanía”.
“Hai unha nova Galicia que emerxe
para pasar páxina aos once anos de desfeitas de Feijóo e do PP na
Xunta. Hai unha nova Galicia que non se resigna, que ten ganas, que
quere impulsar o futuro do noso país e de darlle á cidadanía galega unha
posibilidade de vivir mellor”, finalizou o candidato socialista, coa
vista posta nunhas eleccións galegas “moi importantes”.
Así
é que percorrerá Galicia, como avanzou o candidato socialista, “co
orgullo, coas ideas e co proxecto que temos para Galicia, cos nosos
valores dunha Galicia máis xusta e máis solidaria, unha Galicia que
aposte por unha nova política económica, por unha nova política de
vertebración territorial, por unha nova política social e que afronte a
grave crise sanitaria a causa dos recortes de Feijóo”. Departamento de comunicación