A deputada do BNG,
Olalla Rodil e a responsable de Acción Feminista, Noa Presas presentaron hoxe a
campaña do 8 M e fixeron un chamamento a todas as mulleres de Galiza para
mobilizarse de cara ao 8 de Marzo.
A
deputada, Olalla Rodil afirmou que o BNG
asume como cuestión prioritaria “unha axenda feminista no programa electoral do
2020” para facer “visible o invisible”. Baixo o lema “ É a nosa hora” o BNG
quere superar o mandado cultural de xénero que impón ás mulleres os coidados das crianzas e
persoas con dependencia como unha obriga
natural. Un mandato cultural, que asumimos “falsamente por amor” e de maneira
abnegada. Este un modelo que temos que mudar. O movemento feminista, explicou
Rodil porá este 8 de marzo o foco neste traballo invisible.
Dende
o BNG apelamos a cambiar o modelo de traballos dentro da casa e transformalo
“nunha responsabilidade colectiva fomentando a corresponsabilidade a
incorporación dos coidados e unha rede de servizos públicos” ao que sumou a
garantía de traballo e condicións salariais e laborais dignas para todas as
mulleres que asumen o coidado das persoas dependentes e crianzas nos servizos
públicos.
Rodil
avanzou as propostas da axenda feminista do BNG entre as que destacou: “
elaborar unha nova Lei de Igualdade que supere a do ano 2004 auditar os servizos
públicos sufragados pola Xunta de Galiza e crear unha Valedoría da Igualdade
como existe nos países nórdicos con capacidade sancionadora para as empresas
que incumpran os dereitos laborais e salariais das traballadoras”. Os
dereitos das mulleres, reiterou Rodil deben ser “unha prioridade política” e
este é o compromiso que asumimos dende o Bloque nacionalista galego.
Pola
súa parte, Noa Presas lembrou que no ano 2017, Galiza fixo historia cos
primeiros paros da folga internacional de mulleres, no 2018 enchéronse as rúas cunha
manifestación histórica días antes en Vigo e no 2019, a participación bateu
récords nunha manifestación sen precedentes en Lugo. Unha participación en
Galiza moi superior ao resto do Estado e mentres tanto, “o PP criminalizaba a
folga de mulleres e despois do seu éxito dixo que tomaría nota” sen embargo, ironizou Presas, Feixóo
“debeu perder os papeis porque desde entón, non fixo nada”.
A
responsable de Acción feminista do BNG afirmou que as mulleres estamos fartas de que a “derechona do PP e súas marcas brancas cuestionen os nosos
dereitos”, estamos fartas de seren as
responsables da conciliación, de pedir máis do 75% de excedencias para coidar a
dependentes e crianzas e mentres isto ocorre, o PP limitase a aprobar políticas
natalistas e defender un proxecto “fracasado” de lei de demografía.
Presas
denunciou unha fenda salarial de máis de 4.000 euros entre homes e mulleres,
que se dá tamén nas pensións en máis de 400 euros, así como os peores índices de temporalidade e precariedade.
Por outra parte, lembrou que a violencia machista segue moi presente e en
Galiza é un problema de primeira orde con dúas mulleres asasinadas no que vai
de ano.
A nosa campaña, dixo, recolle a idea de que “É a nosa hora e as mulleres deste país non
estamos dispostas a agardar” porque é a hora de “conquistar dereitos, corresponsabilidade nos coidados e a igualdade salarial”. Finalmente, Presas fixo un
chamamento a participar na concentración do domingo, 1 de marzo en Verín, lugar que se
converteu no símbolo de que os gobernos
que atentan contra os nosos dereitos, como fixo o PP de Feixóo, só terán unha saída: “A rectificación”. Departamento de comunicación