O candidato do
PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, chamou hoxe a unha “mobilización
masiva” que lle permita encabezar un goberno de progreso na Xunta “que atenda
ás necesidades do país”. Enfronte situou a un Feijóo “descolocado e pendente da
súa operación política persoal para colocarse en Madrid en vez de estar
pendente dos problemas dos galegos e das galegas”.
O secretario
xeral do PSdeG dixo que “Galicia necesita dun goberno de progreso que atenda ás
necesidades do país, aos problemas reais da sanidade pública, o emprego ou o
despoboamento”, cuestións que “necesitan un proxecto de goberno e un presidente
pendente dos problemas da xente”. Chamou así á mobilización dos galegos e
galegas “que queren Galicia e que queren cumprir co país”.
Defendeu así
“unha opción de progreso e de futuro para que o 5A poidamos pasar páxina dos líos
do PP, da ineficacia de Feijóo e dos riscos que implican as dereitas coas súas
tres candidaturas en Galicia”. Fronte ao “relato da dereita” que presentaba
unha esquerda dividida, Gonzalo Caballero valorou que “as forzas progresistas
estamos facendo adecuadamente os nosos deberes”.
No que atinxe
aos socialistas galegos, como destacou o candidato, “estamos percorrendo
Galicia e consolidando a nosa posición” para liderar un goberno progresista,
mentres “aparece Abascal en Galicia dicindo que vai vir salvar ao PP,
Ciudadanos e o PP non saben que facer” e o propio PP está sumido no “lío
interno entre Iturgáiz, Alonso, a volta á dereita ou a viraxe ao centro…”.
“Cómpre unha
nova etapa de progreso e retirar a Feijóo”, engadiu Gonzalo Caballero,
partidario de dar paso a un goberno progresista “igual que gobernamos con Pedro
Sánchez en Madrid, en tres deputacións e en tantos concellos” que supoñen ao 55
por cento da poboación de Galicia.
Alianza
progresista
Caballero
continuou hoxe en Ames a súa rolda de visitas ás alcaldías socialistas nas
principais cidades galegas, onde ofreceu unha “gran alianza dun goberno
progresista na Xunta cos concellos e co conxunto da cidadanía”. Sinalou que
“hai un impulso municipal que necesita da complementariedade do goberno progresista
na Xunta de Galicia”.
Presentou a súa
alternativa como a do “partido do benestar, dos servizos públicos, da defensa
dos máis desfavorecidos, que defende a acción da Xunta en materia de educación
e sanidade públicas”, así como nas infraestruturas pendentes. Reclamou “unha
Galicia verde, sostible, ecolóxica” dende o concello de Ames, que cualificou de
“pulmón para Galicia” e un dos eixos da revitalización demográfica.
O líder dos
socialistas galegos mantivo hoxe un encontro co alcalde de Ames, José Miñones,
e os membros socialistas da corporación municipal, cos que comprometeu o
desbloqueo dos principais proxectos paralizados polo goberno galego no
Concello, como a ampliación da EDAR de Sisalde, comprometida por Feijóo en
2011.
Miñones criticou
a xestión da administración autonómica “excluínte, discriminatoria, cun
presidente ausente de Ames”, que incumpriu coa ampliación do CEIP Agro do Muíño
e retrasou a construción do Centro de Saúde de Milladoiro. Reivindicou a
actuación en infraestruturas competencia da Xunta, como a seguridade na estrada
Roxos – Portomouro, ou o cofinanciamento do plan de prevención de incendios.
O rexedor acusou
ao goberno galego de “poñer paus nas rodas”, como foi o caso do desvío do
tráfico pesado da N-550 ao seu paso por Milladoiro, que “non lle deron o visto
bo ata que non foi a moción de censura en Madrid”, ou a transferencia da
Avenida da Mahía, que “asinaremos agora logo de dous anos agardando por ela”.
Alcoa
En paralelo, a
preguntas dos xornalistas, o candidato socialista á presidencia da Xunta chamou
a traballar a carón do goberno de España para pechar o período de alegacións ao
estatuto das electrointensivas con “todas as melloras posibles”. Criticou o
“cinismo” de Feijóo, que “intenta caldear o ambiente con fins electorais pero
que cando gobernaba Rajoy non facía nada polas empresas de consumo
electrointensivo”.
Lembrou que
durante os sete anos de goberno do PP no Estado “non moveron un só folio polo
estatuto das electrointensivas” e apoiaban unhas axudas ao CO2 “moito menores
das que aprobou agora o goberno de España”. “Non caemos na estratexia da
confrontación dun PP que cando gobernaba non facía nada polas empresas de
consumo electrointensivo”, deixou claro.
Por iso, sinalou
que “a única vía para avanzar é sacar adiante o estatuto asumindo todas as
alegacións posibles” e “á vez meter toda a presión a multinacional, que recibiu
40 millóns de euros de axudas ás emisións de CO2 no ano pasado, para que
manteña a actividade no centro de Alcoa en San Cibrao”.
Trasladou hoxe
“todo o apoio, lealdade e corresponsabilidade cos traballadores” de Alcoa e
advertiu que a empresa “ten que entender a súa responsabilidade social
corporativa de apostar pola Mariña e San Cibrao”. E, para concluír, Gonzalo
Caballero recordou que “sen un goberno progresista non se tiveran dado as
axudas, non habería estatuto nin estaría a ministra traballando a carón dos
traballadores”. Departamento de comunicación