O BNG avanza na conformación das candidaturas
rematado o proceso de elección da militancia a través das asembleas comarcais
por todo o país. Nese proceso, as bases nacionalistas expresaron un apoio
unánime ao traballo do grupo parlamentario, apoio que é recollido pola
dirección nacional cunha proposta na que as persoas até agora deputados e
deputadas repiten posto nas listas.
Neste sentido,
e facéndose eco da valoración da militancia, a Executiva nacionalista formula
como proposta que a candidatura pola Coruña repita como número dous Xosé Luís
Rivas, -toda vez que a portavoz nacional é candidata á Presidencia encabeza a
lista por esta provincia-; que Olalla
Rodil volva liderar a candidatura por Lugo; Noa Presas a de Ourense e a de
Pontevedra por Luís Bará. A tamén deputada na pasada lexislatura, Montse Prado,
repite igualmente como número dous na lista por Pontevedra.
Esta proposta
supón un referendo das bases ao traballo político, de denuncia e de
presentación alternativas desenvolvido polo grupo parlamentario, incluído o seu
labor de defensa de todas as cuestións claves para a maioría social do país.
Temas como a
sanidade e os servizos públicos, os sectores produtivos, a igualdade real, a
loita contra a precariedade, a denuncia da discriminación do Estado, a
presentación de alternativas en materia de financiamento, infraestruturas,
dereitos e liberdades, así como para incrementar o autogoberno real de Galiza.
Ao que se suma un rigoroso traballo de control ao Goberno de Feijóo e de
alternativas a década de desfeita do Executivo do candidato do PP.
Desde Allariz,
a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, destacou que se
trata de candidatos e candidatas que avanzan o perfil das listas que o BNG vai
presentar o 5 de abril, combinando renovación e experiencia, cunha aposta
decidida pola presenza das mulleres e da xente nova.
“Apostamos por
poñer as mellores persoas para darlle confianza aos galegos e as galegas sobre
a solvencia do proxecto do BNG para liderar o cambio real a partir do 5 de
abril”, salientou Pontón, “apostamos por aquelo que funciona, por persoas
capaces e formadas que lle deron voz aos grandes problemas da sociedade galega
e esta experiencia é un valor que enriquece ás candidaturas do 5A”.
A líder nacionalista
avanzou que a proposta que a dirección nacional vai someter a votación do
Consello Nacional tamén incorporará “novidades importantes que suporán unha
aportación relevante”, convencida de que o Bloque “ten as mellores candidaturas
e a mellor alternativa programática” para pedirlle a confianza desa maioría
social que quere cambio real.
Unha presidencia coas másn libres
“Demostramos
que temos canteira, que temos persoas preparadas e tamén dispostas a dar a cara
e a comprometerse con Galiza, e iso é importante porque urxe abrir unha nova
etapa e a única garantía de cambio real é o BNG coas mans libres e para
defender os intereses deste país. O que non precisamos é máis sucursalismo de
forzas estatais ás que lle marcan o paso desde as súas dirección madrileñas”.
“Os galegos e
as galegas necesitan unha presidenta que defenda os seus intereses ante todo, e
esa opción é a do BNG”, recalca Pontón. A candidata nacionalista salientou que “a palabra de Feixóo vale moi pouco e está claro
que se o PP precisa de VOX da igual votar VOX que PP porque o resultado vai ser o mesmo. Senón
fose así Feixóo non tería avalado os pactos coa extrema dereita”, conclúe.
A conformación das listas electorais concluirá coa
aprobación definitiva por parte do Consello Nacional, máximo órgano de
dirección entre asembleas, este sábado 29, poñendo fin a un proceso desde a
base no que participaron cerca de 1.500 persoas en 25 asembleas comarcais por
toda Galiza, incluída a da emigración por vía telemática.
Como resultado desas asembleas, a militancia trasladou
á dirección do BNG 234 propostas de candidatos e candidatas, coa constatación
dun apoio unánime de todas as asembleas á hora de poñer en valor o traballo do
grupo parlamentario. Departamento de comunicación