O
BNG é unha forza política a alza o que lle permite estar en disposición de
liderar o cambio real o 5 de abril, fronte a un PP que cada vez perde máis
apoios. Así o valora a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón,
preguntada polo resultado do último barómetro do CIS.
“É posible abrir un tempo novo se hai
un apoio rotundo ao BNG unindo todo o voto nacionalista, galeguista, unindo o
voto de todas as persoas que queren un cambio real na papeleta do Bloque”,
salientou, tras indicar que o propio candidato Feixóo confirma que sopran
ventos de derrota nas filas populares cando
opta por unha incorporación masiva nas listas de altos cargos.
“As candidaturas buscan darlle
acubillo a todos eses altos cargos, síntoma de que Feixóo e o PP saben que a
partir do cinco de abril non van estar no Goberno da Xunta e xa se están
preparando para ser oposición na próxima lexislatura”, argumentou.
A dirixente nacionalista fixo estas
declaracións antes do encontro cunha delegación do consello de administración
da Lonxa da Coruña, no que tamén participou a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda,
e o portavoz municipal, Francisco Jorquera.
“A pesca é un sector estratéxico e a
disposición do BNG é total para defendelo tanto desde o Parlamento europeo, desde
o Congreso como desde o Goberno da Xunta”, indicou, deixando atrás un Executivo
do PP que “non estivo á altura”. “O que vimos co goberno de Feixóo foi como a
submisión a Madrid e a falta de capacidade para defender ao sector levounos a
perder cota, emprego, a esnaquizar barcos e a perder oportunidades. O
compromiso do BNG é un ser aliado do sector pesqueiro coas mans libres e sen
ataduras”.
Pontón deixou claro que se precisa “un
goberno disposto a partirse a cara polo sector pesqueiro e non un goberno
submiso ás directrices nin da Unión Europea nin de Madrid”, ratificou.
Entre as proposta concretas que a
candidata nacionalista trasladou á dirección da lonxa coruñesa, o compromiso de
sacar adiante un plan integral de apoio á
pesca en total colaboración co sector. Igualmente, e tendo en conta a extraordinaria
calidade do produto galego, reforzar os mecanismos para identificar a
procedencia do produto pesqueiro e marisqueiro, tanto na venta como no consumo.
Nación pesqueira
O BNG tamén considera imprescindible
conseguir a declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca. “De
feito é un disparate que aínda non teña esa categoría que nos permitiría ter
acceso a máis caladoiros e máis fondos da Unión Europea”, explicou Pontón, como
Escocia ou Irlanda.
Outra das cuestión clave está en
conseguir máis cota para a frota galega e, neste sentido, proponse converter o
Brexit nunha oportunidade aproveitando a marcha do Reino Unido para modificar o
status quo e reclamar ante a UE a
supresión do principio de estabilidade relativa, “que non e máis que outro
mecanismo que discrimina ao sector” e, por iso, o compromiso do BNG e promover
a súa derrogación desde o Goberno da Xunta a partir do 5A.
“A pesca e o marisqueo son unha
actividade económica e de creación de emprego estratéxica e que como tal vai
ser tratada polo futuro Executivo da Xunta que desde o Bloque aspiramos a
liderar”, concluíu Pontón.
Pola súa parte, Ana Miranda reafirmou
o compromiso de seguir loitando polo sector ante as institucións comunitarias,
mentres que o portavoz municipal, Francisco Jorquera destacou que A Coruña desenvolveuse
en paralelo ao seu porto, de tal xeito que a actividade pesqueira é motor
económico pero tamén define a identidade da cidade.
A lonxa da Coruña xera 10.000 postos
de traballo, move máis de 40.000 toneladas de descargas de capturas, conta con 3.000
usuarios directos nunha instalación punteira na que operan 50 barcos de altura
e arrastre e 120 embarcacións de baixura. Departamento de comunicación