Xosé Luís Rivas, Olalla Rodil, Noa Presa e
Luís Bará son as persoas “capaces e comprometidas co país” que encabezan as
listas do BNG para o 5A, unhas candidaturas que representan a Galiza máis viva
e dinámica para abordar o reto de liderar o cambio galego.
“Imos a por todas e estamos preparadas
para dar un gran salto adiante para mudar as cousas poñendo ao fronte da
Presidencia un goberno coas mans libres liderado por unha muller, porque tamén
é tempo de mulleres”, expresou a candidata, Ana Pontón, un reto ambicioso,
confesou, “pero hai que ter ambición cando se fala do país e non saímos a xogar
medio partido senón o partido enteiro”.
A líder do BNG está convencida de que é
posible abrir un tempo novo: “non hai día que non me paren na rúa para dicirme
que están ilusionados co cambio galego e que este é o momento para dar ese
salto histórico de poñer ao fronte da Xunta a unha muller nacionalista. Síntome
con moito ánimo e sinto que hai moito optimismo ao arredor do BNG”, proclamou
no acto de presentación dos e das cabezas de lista provinciais.
Pontón fixo referencia ao “fastío” coas
políticas da dereita e ás ansias dun cambio real para deixar atrás unha década
de Feixóo que trouxo unha Galiza “gris e estancada”. “Hai unha maioría que quere cambio real,
porque Galiza está estancada cun PP que só ofrece máis do mesmo, unha maioría
absolutista inútil que nos fixo perder posicións no emprego, no autogoberno, á
hora de defender a nosa lingua, que deixa unha Galiza gris e decadente. No BNG
apostamos por unha Galiza en cores, viva, con optimismo e con esperanza”, argumentou
a candidata á Presidencia.
A esa maioría que quere un cambio galego
apelou Pontón para que, “votasen o que votasen” noutras eleccións, este 5A
sumen no BNG o seu desexo de que por primeira vez “o noso país sexa gobernado
desde aquí, desde nós, convencidas de que
canto máis autogoberno máis posibilidades de crear benestar, progreso e un
futuro mellor. Por iso precisamos un país que se faga valer, unha Galiza que se
poña en pé e que non acepte ordes desde Madrid, para poñer en marcha un
proxecto propio que dea respostas aos retos do país sen pedir permiso a
ninguén”.
Pontón citou Euskadi, cuxas eleccións
son tamén o 5A, como exemplo do avance dos pobos que apostan por forzas
propias, por un proxecto sen ataduras capaz de facer valer os seus intereses de
país. “Iso é o que o BNG ofrece, un cambio galego, pensado desde Galiza que
quere poñer en marcha todo o potencial do país, sen mirar cara Madrid, un
proxecto aberto, inclusivo, capaz de xerar riqueza e emprego, que defende a
nosa cultura, a nosa lingua e a nosa identidade”.
“A todas as
persoas que ansían abrir un tempo novo quero dicirlles que desde o BNG non lles
imos fallar, que imos estar a altura e imos poñer en marcha o cambio galego
pensado desde nós que rompa con tantos gobernos de submisión e con tantos
gobernos monicreques”, salientou, apelando a “ilusión e a confianza”. O Bloque
ten un proxecto propio para este país “porque non somos un copia e pega de
ninguén”, e o reto é “poñer un marcha un cambio galego que deixe atrás a submisión
e a dependencia”, concluíu.
Poñer o rural a producir
Por
parte das e dos cabezas de lista, Xosé Luís Rivas animou á sociedade galega a
unha grande mobilización o vindeiro 5A e destacou co prioridade “poñer a
producir as terras abandonadas, fixar
poboación no medio rural e acadar prezos xutos para os produtores e
produtoras”. Urxe, dixo, un goberno que prime a “actividade industrial
transformadora dos nosos produtos, que poña en valor o noso monte e lugar de
estar ao servizo de ENCE ou Grenalia”.
Axenda urbana sustentable
Bará
propuxo unha “axenda urbana” para cidades e vilas con medidas contrastadas
e avaladas polo éxito dos gobernos
municipais de Ribadeo, Tomiño, Carballo, Allariz ou Pontevedra. “Unha axenda
urbana ecolóxica e sustentable, superando a distinción entre medio ambiente
natural e medio ambiente urbano”, afirmou.
Destacou
a necesidade de usar enerxías renovables, así como aproveitar os residuos sólidos urbanos e
materia orgánica como novos recursos, ao tempo que defendeu “unha mobilidade” en función da saúde e das
persoas. A axenda urbana do BNG, recalcou,
quere situar a Galiza “na vangarda da sustentabilidade”.
A mocidade é o futuro
Rodil
apelou lanzou unha mensaxe “de esperanza” a todos os mozos e mozas que
traballan no país sen esquecer aos que tiveron que emigrar
durante a última década. “Son o presente pero tamén o futuro e queremos
ofrecerlles a oportunidade de non ter que escoller entre traballos precarios
que impiden desenvolver un proxecto de vida autónomo ou as maletas cara a emigración”.
É a hora do feminismo
Presas
destacou a gran manifestación en Verín convertido na “capital do feminismo
galego” despois da vitoria da reapertura da sala de partos. “Recollemos
as inquedanzas da maioría social para a que que chegou a hora da igualdade e do
feminismo e presentámonos ás eleccións cos deberes feitos porque somos o garante das políticas feministas,
como demostramos no goberno ou na oposición e coa incorporación de mulleres
referentes do feminismo nas nosas candidaturas”. A mellor garantía é apostar
por Ana Pontón, “a primeira muller
presidenta, feminista e nacionalista do noso país”, concluíu. Departamento de comunicación