O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero,
criticou que Feijóo “se poña medallas falando de estabilidade cando é a
estabilidade dos cemiterios, a dun proxecto esgotado no que nada se move
e non hai avance para a cidadanía galega”. Fronte a isto, puxo como
exemplo aos gobernos das deputacións socialistas que “suplen as
deficiencias dunha Xunta que non chega ao territorio”.
Gonzalo
Caballero rematou hoxe a súa rolda de visitas aos gobernos das grandes
cidades e ao presidente da Fegamp cun encontro cos presidentes das tres
deputacións gobernadas polo PSdeG, no que participaron Valentín González
Formoso –A Coruña-, José Tomé –Lugo- e Pontevedra –Carmela Silva-. A
continuación desprazarase a Arxentina, onde manterá un encontro co
presidente do país o próximo xoves, ademais de verse coa colectividade
galega no exterior.
O líder do PSdeG puxo en valor a
xestión dos socialistas nas deputacións provinciais fronte a un goberno
galego “esgotado, no que nada se move e que non deixa avances para a
cidadanía galega”. “Cando os galegos queiran pensar no futuro, que miren
para as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e non á de Ourense”,
recalcou, consciente de que alí se amosa o que pode ocorrer en Galicia
tralo 5A.
Ademais, Gonzalo Caballero destacou a xestión
“con criterios obxectivos e unha xestión eficiente e limpa dos fondos
públicos” nas institucións provinciais. Constrasta, dixo, co “reparto
clientelar e a xeneralización do amiguismo” dende a Xunta ou co que
ocorre en Ourense, onde “se mestura o caciquismo dos Baltar coa
ineficiencia e o esperpento que conxuga o alcalde de Ourense” que puxo
Feijóo.
Así as
cousas, presentou as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra como
“exemplos claros de como os socialistas somos capaces de conxugar a
estabilidade, o progreso e o avance social, mentres Feijóo ten a
estabilidade da agonía, da inacción e do fin de ciclo na Xunta de
Galicia”. Fronte a esta Xunta ausente, dixo o candidato do PSdeG, son as
deputacións provinciais as que “fan a política social e dan o respaldo á
política educativa, de igualdade ou cultural coas que a Xunta non
cumpre”.
Neste contexto, censurou “o relato falaz de que o PP é o único que
pode dar boa xestión”, que se “vén abaixo” co exemplo do trato aos
concellos e ás deputacións, e destacou que “Galicia quere cambio”. Ao fío disto, Gonzalo Caballero anunciou unha “axenda de traballo
dende a proximidade” para presentar “as diferenzas claras na forma de
facer política” dun PSdeG que encabeza unha maioría progresista para
“encauzar as desfeitas que deixa Feijóo logo de 11 anos de goberno”.
Desastre en materia de emprego
Así
pois, presentou un “proxecto de país cun compoñente galego e galeguista
ao servizo do país, coa prioridade nas persoas, nas políticas sociais,
na sanidade, nunha verdadeira vertebración territorial e unha nova
política económica que permita corrixir o desastre de Feijóo en materia
de emprego”.
Advertiu que “Feijóo non quere falar da súa desfeita en materia
laboral e de por que en Galicia hai 70.000 traballadores ocupados menos
que hai 11 anos mentres en España hai 680.000 máis”. A ese respecto,
advertiu de que “cando un país perde poboación, tamén ten que ver coa
perda de emprego e cun emprego de peor calidade”. Departamento de comunicación