As análises realizadas no Servizo de Urxencias do CHUAC, e
confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, a un paciente
procedente de Madrid confirman a infección por coronavirus dunha persoa
que se atopa illada no hospital, en cumprimento dos protocolos
acordados co Ministerio de Sanidade. Este é primeiro caso positivo
confirmado en Galicia.
Trátase dun home de 49 anos, procedente de
Madrid, que se presentou con sintomatoloxía respiratoria no servizo de
urxencias do CHUAC e ao que se lle solicita a proba de diagnóstico de
COVID-19 ante a presenza dunha neumonía bilateral nun contexto clínico
de infección vírica. A Dirección Xeral de Saúde Pública está
seguindo o protocolo e xa iniciou o estudio de contactos para
determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios.
Sanidade
remarca que hai un procedemento específico para as persoas que
sospeiten terse contaxiado co coronavirus. É importante que se contacte
por vía telefónica con servizos sanitarios para que un equipo, formado
por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para
analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación
do virus.
Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade
ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar
información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver
todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto. En calquera caso, para
persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e
que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que
estivera nalgún deses lugares, tamén está dispoñible o teléfono 061 para
consultas.
Protocolos
Desde o comezo da alerta por coronavirus,
consensuouse un protocolo de actuación entre o Ministerio de Sanidade e
as comunidades autónomas, que a Consellería de Sanidade xa trasladou ás
xerencias das áreas sanitarias, incluíndo definición de caso sospeitoso e
criterios de actuación, que se está a actualizar periodicamente en
función da evolución do abrocho e do coñecemento que se vai xerando.
Ademais,
tamén se enviaron os protocolos, adaptados á nosa estrutura
asistencial, que están dispoñibles na web da Consellería de Sanidade, no
apartado de saúde pública. Estes protocolos detallan todos os pasos
para facer a vixilancia e control en Galicia, como actuar na detección
de casos e o seu manexo, a toma e manexo das mostras obtidas dos
pacientes e como elaborar as enquisas de cada caso para facer un
seguimento.
Tanto o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia
como o sistema asistencial teñen definidos protocolos de actuación
claros e teñen capacidade demostrada para o seu manexo. Estes protocolos
iranse adaptando segundo estea dispoñible nova información que o
aconselle, tanto no tocante á definición da sospeita de enfermidade como
nos criterios de manexo dos casos e dos seus contactos.
Recomendacións
A
Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas
entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembra que,
en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e
limitación da diseminación do virus común a calquera infección
respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans,
lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e
cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao
tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do
cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.