BOS AIRES | O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero,
pechou a súa visita a Arxentina cun encontro coa colectividade galega,
dende onde respondeu ás declaracións de Feijóo nas que dicía que quería
parecerse a Gallardón: “Igual que Gallardón está xa na casa, Feijóo
tamén estará na súa casa a partir do mes que vén”.
“Agora
Feijóo alaba a un Gallardón que quixo prohibir ás mulleres o seu
dereito legal á interrupción do embarazo”, recordou Gonzalo Caballero,
para sinalar que “dentro do seu disfraz hai un conservador de dereitas
nada centrista". De feito, recalcou o líder socialista,
Feijóo “nunca” se distanciou dos posicionamentos do PP, o seu partido
aínda que tente en campaña “agochar as siglas”. “Feijóo votou no
Parlamento de Galicia hai un mes en contra de regular a morte digna,
igual que Pablo Casado e Cayetana Álvarez de Toledo no Congreso”,
exemplificou.
Por iso, prognosticou Gonzalo Caballero, o
vindeiro 5 de abril a cidadanía galega apoiará maioritariamente “un
cambio progresista” que permita abrir “unha nova páxina de futuro en
Galicia”. “Hai unha Galicia que avanza e que progresa, e
que sabe que é necesario o cambio”, proclamou Gonzalo Caballero, nun
encontro no Centro Betanzos ao que tamén asistiu o vindeiro embaixador
de Arxentina en España, Ricardo Alfonsín.
Apoio á Galicia exterior
Nese
foro, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta comprometeu “todo o
apoio” á colectividade galega dun goberno progresista en Galicia logo de
anos de “desprezos” de Feijóo.
Aludiu así á negativa de
Feijóo a acudir ao Centro Gallego de Buenos Aires ou a contribuír desde a
Xunta ao colexio Santiago Apóstol, dous dos principais referentes da
galeguidade en Arxentina e no mundo, tal e como llo trasladaron a
Gonzalo Caballero os dirixentes destas institucións.
Fronte
a iso, o dirixente socialista garantiu que será “un aliado” dos galegos
no exterior, aos que expresou todo o seu “recoñecemento e gratitude”.
Caballero
sinalou que as empresas galegas teñen moitos intereses en Arxentina e
que o país andino supón tamén un mercado de interese para Galicia.
Comprometeu apoio á colectividade galega no exterior e definir novas
formas de acción que potencien a interacción dos galegos de Latinoamérica coa terra, impulsando plans
que faciliten a incorporación de mozos galegos do exterior ao sistema
universitario galego. Departamento de comunicación