O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto coas
empresas organizadores de O Son do Camiño, presentou hoxe a terceira
edición deste festival, a gran cita musical coa que a Xunta promove o
Xacobeo 2021 e que, un ano máis, congregará a artistas de primeiro nivel
no Monte do Gozo. Este evento, que se celebrará os días 18,19 e 20 de
xuño, volverá situar Galicia como un referente do turismo de festivais
da man dunha decena de bandas de renome internacional, que suman 12
premios Grammy, e dunha quincena de artistas e bandas da nosa Comunidade
que converterán esta edición na máis galega da historia do evento.
Tras
o éxito acadado nas súas primeiras edicións, con preto de 97.000
asistentes e máis dunha vintena de recoñecementos, O Son do Camiño
estará protagonizado este ano por nomes como The National, The Chemical
Brothers, Bad Bunny, Liam Gallagher, Jason Derulo, DJ Snake, Foals,
Daddy Yankee, Armin Van Burren, Editors, Timmy Trumpet, Kase.O e Natos y
Waor, entre outros. Así o deron a coñecer o titular de Cultura do
Goberno galego e as empresas organizadoras do festival, representadas
por Carlos Rodríguez, de Esmerarte Industrias Creativas, e Iván Méndez,
de Bring The Noise, nunha rolda de prensa na Cidade da Cultura que
contou coas actuacións de Xoel López e de Budiño. Igualmente participou
Víctor Mantiñán, responsable de patrocinios musicais de Estrella
Galicia.
O 88% presentará o seu último traballo
Román
Rodríguez subliñou durante a súa intervención a relevancia dos artistas
que acudirán a esta terceira edición do festival, xa que moitos deles
foron cabezas de cartel nalgúns dos festivais e eventos máis importantes
do mundo como a Super Bowl, o festival Coachella ou LollaPalooza, así
como nas principais citas musicais a nivel nacional.
Do mesmo
xeito, contan con algúns dos premios máis prestixiosos da industria
musical, sumando ata 12 premios Grammy, e a meirande parte deles –en
concreto un 88%– chega a esta cita presentando os seus últimos
traballos, o que converte O Son do Camiño nun evento ligado ao panorama
musical máis actual. De feito, os interpretes do festival suman máis de
35 billóns de escoitas nas principais plataformas de streaming e preto
de 100 millóns de seguidores nas redes sociais, o que amosa a súa
capacidade de mobilización.
Do mesmo xeito, o conselleiro resaltou
o protagonismo das bandas e artistas da nosa Comunidade, con ata 15
actuacións de interpretes como Xoel López, Guadi Galego, Triángulo de
Amor Bizarro, Presumido, Budiño, Escuchando Elefantes ou Cora Velasco.
Neste sentido, recalcou que a cita contribuirá a difusión de Galicia e
do talento local.
Venda de abonos o 10 de marzo
O cartel complétase cunha ampla
variedade de artistas como Lola Índigo, Miss Cafeína, Carolina Durante,
Rayden, The Killer Barbies, Sen Senra, Adriana Proenza, Furious Monkey
House, Pablo Lesuit, Boyanka Kostova, Woyza, Kings of the Beach, Tigre y
Diamante, Oddliquor, Inmir, Carolina Rubirosa, Les Castizos, Cha chá
Soundsystem e Natalia Ferviú. “Do mesmo xeito que o Camiño de Santiago,
este festival convoca a xente de todas as idades, nacionalidades e
preferencias”, subliñou o conselleiro. Segundo informaron os
organizadores, os abonos poranse á venda a partir do vindeiro martes 10
de marzo na web oficial do festival e en eventbrite.es, as canles
autorizadas. Sairán á venda cun prezo especial de lanzamento de 59 euros
máis gastos de xestión.
Máis aloxamento e servizos
A Xunta mantén a súa aposta por
este evento, que nas súas dúas primeiras edicións contou cunha gran
acollida do público, ao esgotar abonos e entradas en tan só unhas horas,
converténdose no sold out máis rápido de toda España. Do mesmo xeito, O
Son do Camiño trouxo consigo un importante retorno económico, superior
aos 14 millóns de euros e xerando máis de 900 postos de traballo
directos e indirectos e un 100% de ocupación hoteleira durante as tres
xornadas grazas á chegada de viaxeiros de todo o mundo. En concreto, o
59% dos asistentes procederon de fóra de Galicia, duns 45 países de todo
o mundo.
No caso da última edición, agárdase superar os 100.000
asistentes tras a ampliación do aforo do Monte do Gozo, que se está
acometendo nestes momentos xunto ao plan de seguridade. O festival conta
neste 2020 con tres escenarios, un máis que o ano pasado, un área de
restauración e cámping con capacidade para 4.000 persoas. Ademais, por
primeira vez estará operativo o renovado recinto de aloxamento
xestionado por Carrís Hoteis.
Unha vintena de recoñecementos
Esta
terceira edición afondará en valores como a sustentabilidade, a
igualdade e a inclusión a través de diferentes accións que se
desenvolverá no marco da celebración. Tal e como salientou o
responsable de Cultura e Turismo, con só dúas edicións en marcha O Son
do Camiño constitúe unha proposta musical consolidada, única e
interxeneracional que recibiu máis dunha vintena de premios e
nominacións. Por iso, amosou a súa confianza nun novo éxito a través da
combinación de recoñecidos artistas internacionais con algúns dos
interpretes galegos de maior éxito actual e outras bandas máis
emerxentes.