A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana
Pontón, considera “un luxo” encabezar a
lista pola Coruña xunto con persoas de gran valía e experiencia como Xosé Luís
Rivas, Mercedes Queixas, Rosa Pérez, “dúas mulleres con talento e coraxe,
activistas de tantas causas xustas”-, Ramón Fernández, Daniel Fernández, Iria
Carreia, Carlos Babio, -“unha das voces máis recoñecidas a favor da
recuperación da memoria histórica”, ou Xesús Seixo, bo coñecedor da realidade
económica e laboral do país.
“Unha
candidatura gañadora e comprometida de homes e mulleres dispostas a defender os
intereses desta cidade sen pedir permiso a ninguén, sen ataduras, nin mordazas,
sen mirar a Madrid, competentes e comprometidas, nunha candidatura que combina renovación
e experiencia, que empodera ás mulleres e que tamén da protagonismo á xente
moza”, explicou Pontón.
A
candidata do BNG animou a “facer algo diferente” porque non valen “nin absolutismos,
nin de sucursalismos das forzas estatais que nada resolven, é tempo facer algo
diferente, de apostar polas nosa propias forzas, por un goberno coas mans
libres para defender os intereses da Coruña, que teña un proxecto capaz de
construír unha Galiza xusta, de igualdade, con progreso e con benestar, sen ter
que pedir permiso nin a Génova nin a Ferraz”, recalcou Pontón.
“E ese
goberno é o que aspira a liderar o BNG logrando que, por primeira vez, Galiza
teña unha presidenta muller, nacionalista,
co apoio desa maioría social que quere un cambio real e non un mero
re-cambio”, explicou, tras sinalar o paupérrimo balance de Feixóo na cidade: “unha
pasarela cun centro comercial en once anos de goberno, non estivo á altura dos
retos desta cidade”.
Pontón explicou
algunhas das propostas do programa de goberno para A Coruña, como un Plan de
reindustrialización para que a cidade recupere pulso económico, solucionar os
terreos do Porto interior para que, unha vez libres de usos portuarios, pasen a
cidade. Recuperación da Ría do Burgo, -empezando por liberar unha partida de 25 millóns de euros nos orzamentos do Estado de 2020, como se pactou no acordo de investidura-.
Igualmente,
o BNG inclúe a tarifa eléctrica galega que permita beneficiarse de ser produtora
de electricidade e abaratar os custes enerxéticos, algo vital para o futuro de
ALCOA e outras electrointensivas. Aposta por modernizar as conexións
ferroviarias entre Ferrol e A Coruña, coa posta en marcha do GALTREN un
organismo para potenciar o tren de proximidade como xa teñen outros territorios
do Estado.
A formación
nacionalista inclúe tamén para a cidade herculina un plan de revitalización do
comercio local, que sempre tivo un papel de creación de emprego e de cohesión
social nesta cidade, pero que hoxe ve como hai barrios que esmorecen
precisamente porque o comercio de proximidade vai a menos.
200 millóns para atención primaria
No relativo
aos servizos públicos, reverter todos os recortes e privatizacións en
particular na sanidade pública. “Imos dar un apoio contundente á atención
primaria, e pensamos que a porta de entrada á sanidade pública merece un
investimento extraordinario de 200 M€ para acabar coa precariedade e a falta de
medios”, destacou Pontón.
Pola súa
parte, o candidato Xosé Luís Rivas, apostou
por un deseño de país con dereito a beneficiarse dos seus recursos, con
políticas que garantan servizos de calidade e cunha industria transformadora
que xere emprego.
Peaxe na vía ártabra, un novo ataque
Tamén se referiu
á situación de Endesa, ALCOA, Isowat, Isidro de la Cal ou Poligal. Neste sentido,
denunciou que mentres outros queren converter Galiza “nun deserto industrial”,
o BNG quere que recupere “o músculo
produtivos neste sector” ao que se suma a prioridade de devolver a calidade aos servizos públicos e sociais.
Rivas reiterou que é preciso
recuperar a ría e considerou “un novo ataque” á área metropolitana da
Coruña o anuncio dunha nova peaxe na vía Ártabra. O BNG aposta por un
país con cidades e vilas destinadas ás persoas, sostibles, que respecten o
medio ambiente e o patrimonio cultural”, indicou, e por iso “o 5A aspiramos
a poder aplicar políticas transformadoras para converter A Coruña nun
grande motor económico de Galiza”. Departamento de comunicación