EFE | Desde que asumise en 2016 o liderado dun BNG en horas baixas, Ana Pontón
(Sarria, 1977) foi recuperando aos poucos o impulso dun partido que
concorre ás eleccións do 5 de abril apelando a un voto "dous por un",
que sirva "para botar a Feijóo e para facer historia poñendo á fronte da
Xunta de Galicia por primeira vez a unha muller e nacionalista".
"A dereita ten perdidas as eleccións, dá igual como se presente; se hai
mobilización de todo ese voto de país, inconformista e
farto de ver como Galicia segue perdendo oportunidades podemos facer
historia", explica Pontón nunha entrevista con Efe na que defende que o
voto ao BNG é o único que garante "un cambio real, non só un cambio de
caras".
Deste xeito, a portavoz nacional do BNG ofrécese como unha alternativa
"ilusionante e de cor" fronte á Galicia "en branco e negro" dun PPdeG
que "comparte o proxecto da extrema dereita" e que, en caso de necesitar
o seu apoio, "van pactar".
"Case me xogaría un dedo a que Núñez Feijóo pactaría con Vox en caso de necesitalo", sentenza Pontón, quen entende que o candidato do PPdeG é tamén "o de todo o pack
da dereita".
A oferta política do BNG parte da idea de que Galicia "pode dar moito
máis de si" e atópase #ante a posibilidade de "dar un gran salto" nestas
eleccións "deixando atrás o sucursalismo e o absolutismo"
coa garantía de ter "as mans libres" para poñer en marcha "as medidas
que necesita este país".
"Somos unha forza coas ideas claras, con unidade e cohesión interna e
con seriedade á hora de afrontar a nosa responsabilidade: a xente ve que
o BNG é un partido que nos concellos presenta programas
transformadores, innovadores e transgresores, unha bagaxe que queremos
levar á Xunta", prosegue.
A candidata prefire tomarse "con moita precaución" as enquisas para as
eleccións do 5 de abril, que abren a porta á posibilidade de que o PPdeG
perda a súa maioría absoluta e que sitúan ao BNG, no mellor dos casos,
moi preto do PSdeG, a primeira forza dentro da oposición.
"Estamos a ver enquisas de todos os gustos pero, en todo caso, o que si
que percibo é que o BNG é unha forza política á alza", insiste Pontón,
quen fai un chamamento a que "ninguén quede na súa casa" e comprométese a
traballar "con seriedade e entusiasmo" para "non defraudar a ninguén".
Cuestionada sobre o último exemplo dun Goberno monocolor
do PPdeG, a líder nacionalista ha defendido o bipartito de PSdeG e BNG
entre 2006 e 2009 como un Executivo que, "con todos os erros que puido
cometer, dálle mil voltas ao Goberno de Feijóo".
"Un Goberno hai que valoralo pola eficacia das súas políticas, non polo
número de partidos que o integran; efectivamente, (o bipartito) non foi
perfecto, pero aprendemos deses erros e hoxe somos máis fortes e estamos
mellores preparados", precisa.
En todo caso, Pontón engadiu que "temos un Goberno monocolor e monopartito"
que "non ten proxecto" e está "sempre pendente de Madrid", o que lle
impediu "poñer freo á emigración xuvenil, ofrecer unha solución para a
industria electrointensiva ou salvagardar a sanidade".
O sistema sanitario está a ser, precisamente, un dos temas centrais da
precampaña: primeiro, coas mobilizacións contra o peche do paritorio
do hospital comarcal do municipio ourensán de Verín e, posteriormente,
coa crise do coronavirus.
"Esta crise está a servirnos para ver o relevante que é ter un sistema
sanitario público forte", explica a líder do BNG, que fai un chamamento á
"unidade" e á "tranquilidade", para o que se puxo "ao dispor da Xunta"
para concretar "calquera medida que sexa necesaria", sempre "seguindo
criterios científicos".
O BNG tamén insiste nesta campaña nas súas demandas históricas, como a
dun concerto económico similar ao vasco ou ao navarro que permita a
Galicia recadar os seus propios impostos.
Outra cuestión na que pon o acento a formación nacionalista é a das
transferencias competenciais, sendo "a primeira" a apontoar a da
autoestrada AP-9, que figura no acordo de investidura entre PSOE e BNG,
un texto que supuxo "un paso adiante moi importante no papel de Galicia
dentro do Estado".
"Galicia pasou de anos de irrelevancia a condicionar a
conformación do Goberno central cun acordo moi vantaxoso para o país",
prosegue Pontón, quen espera acabar cun PPdeG que "boicotea o incremento
competencial" da comunidade porque "cantas máis competencias ten, máis
clara está a súa incompetencia".