A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia
(DOG) a súa convocatoria anual de subvencións a producións e
coproducións audiovisuais de contido cultural galego, que en 2020
experimentan un aumento do 25% respecto ao ano pasado e elevan a súa
dotación ata os 2,5 millóns de euros. Esta contía destinarase
integramente a cofinanciar novos proxectos de cinema e de televisión
promovidos por produtoras galegas independentes.
Trátase da
principal liña de axudas do programa xeral de apoio a este sector, que a
Consellería de Cultura e Turismo desenvolve anualmente a través da
Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e que en 2020 será
reforzado no marco do Plan de Reactivación da Cultura e do Turismo,
aprobado o pasado xoves polo Consello da Xunta. O devandito plan de
choque suporá un investimento de 27 millóns de euros e preto de 50
medidas específicas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o
consumo nos respectivos ámbitos de actuación.
Novidades
No
caso das axudas a producións e coproducións cinematográficas e
televisivas, outra das novidades destacadas refírese á ampliación de
tres a catro anualidades tanto para a distribución das contías
concedidas como para a súa xustificación por parte das empresas
adxudicatarias en catro das cinco categorías convocadas: longametraxes
cinematográficas de ficción (modalidade A), de animación (modalidade B) e
documentais (modalidade C), así como producións e coproducións para a
súa e como producións e coproducións para a súa emisión televisiva
(modalidade E). Pola súa banda, mantéñense as dúas anualidades no caso
da modalidade D, destinada a curtametraxes.
Tanto o aumento
orzamentario como a ampliación dos períodos de xustificación buscan
lograr unha mellor adaptación desta convocatoria aos tempos e procesos
de produción audiovisual, dando así resposta ás necesidades específicas
do sector. Neste mesmo sentido, cóntase coa autorización do Consello da
Xunta para aumentar por riba do 50% o anticipo que as beneficiarias
poderán solicitar sobre a axuda concedida, así como para quedar exentas
do depósito de garantías, de xeito que poidan enfrontar economicamente
producións de certa envergadura cando dispoñan da correspondente
capacidade de financiamento e se atopen nun avanzado estado de execución
dos proxectos. O prazo de solicitude será dun mes, que comezará a
contar a partir da reanudación dos termos administrativos suspendidos
durante o actual estado de alarma, agás no caso de renuncia expresa a
esta suspensión por parte dos solicitantes.
Reactivación das convocatorias
Coa
publicación destas bases, a Consellería de Cultura e Turismo retoma as
convocatorias especificamente dirixidas ás industrias culturais seguindo
as indicacións do acordo para a reactivación das subvencións aprobado
polo Consello da Xunta o pasado 24 de abril. En referencia ao ámbito
cultural, estes procedementos de fomento foron cualificados de esenciais
pola súa vinculación ao servizo público, á protección do interese xeral
ou ao sostemento do tecido industrial nun ámbito especialmente afectado
pola crise provocada pola pandemia do Covid-19.
No que respecta
ás axudas á produción e coprodución audovisual e tal e como se establece
nas súas bases, a prioridade é atender as necesidades dun sector
cultural considerado estratéxico para Galicia, de xeito que se contribúa
ao mantemento dunha industria audiovisual competitiva, con
posibilidades de exportar e de darlle rendibilidade social e económica á
cultura galega.
Proxección internacional
Neste sentido, sobresae a proxección
internacional acadada no último ano por varios dos títulos que contaron
con investimento autonómico para a súa produción. É o caso da
multipremiada O que arde, de Oliver Laxe, ou de O sabor das margaridas,
de CTV, primeira serie en galego emitida en Netflix e subtitulada a 30
idiomas; así como das destacadas seleccións en festivais de Longa noite,
de Eloy Enciso; Arima, de Jaione Camborda; o documental A media voz,
producido por Matriuska, e Lúa vermella, de Lois Patiño. Así mesmo, xa
está en marcha a produción da serie 3 caminos, pola que Ficción
Producciones resultou adxudicataria da convocatoria especial dunha
subvención audiovisual da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, mentres que a
coprodución galego-portuguesa Auga Seca, para a que Portocabo contou
tamén co apoio do programa europeo Media, estreouse na TVG, na RTP
portuguesa e recentemente en HBO.
Ademais, entre os proxectos que
agardan a súa chegada ás pantallas en canto se normalice a exhibición en
salas cinematográficas atópanse A illa das mentiras, de Paula Cons; e
Ons, de Alfonso Zarauza, actualmente en fase de postprodución.