CERCEDA | Tras
unha análise da evolución da recepción de residuos no Complexo
Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) durante os meses de marzo
e abril de 2020, e tomando como referencia o mesmo período de 2019, a
xeración do residuo convencional (bolsa negra) nos fogares galegos viuse
incrementada nun 2,51%, (subindo das 124.835,77 toneladas ás 127.970,03
toneladas), e isto malia que os servizos de hostalería e un bo número
de comercios víronse abocados ao peche o pasado 14 de marzo con motivo
do decreto do estado de alarma.
A
maior produción de refugallos fíxose especialmente evidente durante a
segunda semana de confinamento debido, con toda probabilidade, á
profunda limpeza que as familias fixeron nas súas casas, liberándose de
trastos vellos, téxtis e outros obxectos fóra de uso. A partir de entón, e aínda que con picos, as toneladas de lixo recepcionadas en Sogama comezaron a baixar lixeiramente.
Pola
súa banda, a bolsa amarela subiu das 4.219,83 toneladas recollidas
durante os meses de marzo e abril de 2019 ás 5.288,86 toneladas en 2020,
cifra que se traduce nun incremento do 25,33%. Isto significa que os
cidadáns dos 295 concellos adscritos a Sogama, non só manteñen o seu
compromiso coa reciclaxe, senón que a súa colaboración viuse acrecentada
durante a cuarentena.
Tomando
en consideración os materiais que chegan ao complexo cercedense,
púidose deducir un maior consumo de alimentos envasados: plástico, briks
e latas (de conservas e refrescos), ao que se suma tamén unha maior
adquisición de produtos de limpeza e desinfectantes.
Desde
Sogama recórdase a necesidade de levar a cabo un consumo responsable e
solidario, e recoméndase revisar a neveira e a despensa a fin de dar
saída aos produtos máis antigos, planificar as compras cunha lista na
man, ter en conta as particularidades dos produtos perecedeiros (data de
caducidade e data de consumo preferente) para evitar que acaben no cubo
do lixo, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as
sobras para a elaboración de novos menús.
Resulta
tamén conveniente o consumo de produtos con menos envase e embalaxe,
así como as compras locais e de proximidade, con grandes vantaxes a
nivel ambiental, social e económico.
Residuos sanitarios de baixo risco
Unha
das múltiples consecuencias da pandemia do coronavirus foi o notable
incremento da produción de residuos sanitarios. Dado que a capacidade
das instalacións que en Galicia viñan xestionando estes refugallos
resultaba insuficiente para procesalos na súa integridad, o SERGAS
(Servizo Galego de Saúde), a través da Consellería de Medio Ambiente,
recorreu a Sogama.
Nun
tempo récord, esta empresa pública redactou o proxecto de adaptación
técnica e habilitou unha instalación na que os residuos sanitarios de
baixo risco (clase II e algúns de clase III –fundamentalmente luvas,
buzos, mascarillas e asimilables) son triturados e acondicionados para
valorizalos enerxeticamente; un proceso que ten lugar a temperaturas
superiores a 850ºC, garantindo así a destrución de patóxenos e outros
axentes nocivos, e que se leva a cabo con todos os requisitos
ambientais, pois non debe esquecerse que Sogama dispón de potentes e
vangardistas sistemas de depuración de gases que lle permiten
compatibilizar a súa actividade industrial coa protección da contorna e a
saúde.
Desde
o pasado 21 de abril, coincidindo coa visita que a conselleira de Medio
Ambiente, Ángeles Vázquez, realizou a esta instalación de residuos
sanitarios para coñecer in situ, e de primeira man, o seu funcionamento,
Sogama tratou máis de 50 toneladas de residuos destas características. Este
labor desenvólvese de forma independente á liña de xestión de residuos
urbanos, contratándose no seu momento persoal externo, que conta cos
seus propios vestiarios e que non comparte zonas comúns cos
traballadores do resto do complexo. Departamento de comunicación