El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Nacional

GALICIA | ELECCIÓNS

Feijóo escoita a opinión dos representantes dos partidos sobre a convocatoria electoral

14-05-2020 19:42:31

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe unha reunión cos representantes das principais formacións políticas galegas para coñecer a súa opinión sobre unha posible convocatoria electoral, despois de terlles enviado onte catro informes de expertos sanitarios e un informe xurídico no que se conclúe que se poderían convocar eleccións á maior brevidade e que o principio do verán sería o momento máis seguro. 

Feijóo mantivo un encontro presencial cos representantes de PPdeG -Pedro Puy, PSdeG -Gonzalo Caballero-, BNG -Ana Pontón- e Podemos -Antón Gómez-Reino; no que tamén estiveron a través de videconferencia os representantes de En Marea -Francisco Casal- e de Ciudadanos –Beatriz Pino-, e que se prolongou por dúas horas e media. 

O presidente da Xunta tomará unha decisión sobre a data da convocatoria electoral unha vez oídos os partidos e tendo en conta os informes dos expertos sanitarios sobre a evolución previsible da pandemia. Segundo dixo onte, os documentos expresan que o momento que ofrece menos incertezas para votar é o principio do verán, sendo a seguridade sanitaria maior canto antes se celebren os comicios e aumentando co paso dos meses, por un previsible rebrote en outono e porque xullo e agosto son os meses de maior afluencia de visitantes a Galicia procedentes doutros territorios. 

No plano xurídico, hai que recordar que despois de que a pandemia obrigase a suspender o proceso electoral previsto o 5 de abril existía o compromiso de activalo no prazo máis breve posible e que o vixente Estado de Alarma, que foi aprobado no Congreso dos Deputados, habilita expresamente para convocar comicios autonómicos. 

Feijóo trasladou aos partidos que tomará a decisión máis responsable segundo os datos certos que se coñecen e insistiu en que, en todo caso, o Goberno galego segue tendo como prioridade a loita contra a pandemia e a reactivación social, laboral e económica das familias e das empresas galegas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias