CERCEDA | O
crecemento exponencial da xeración de residuos sanitarios no marco da
pandemia do COVID-19, que alcanzou o seu pico máis alto a finais de
marzo e principios de abril, e a sobresaturación das instalacións que,
en Galicia, se viñan facendo cargo destes refugallos, levou ao SERGAS a
solicitar, a través da Consellería de Medio Ambiente, a colaboración de
Sogama para xestionar, nas mellores condicións, residuos sanitarios de
baixo risco tales como buzos, mascarillas, luvas e asimilables.
Seguindo
as instrucións do Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a
Transición Ecolóxica, que contemplaban dúas opcións para o tratamento
desta fracción: valorización enerxética ou vertedoiro, o goberno
autonómico decantouse pola primeira, dado o negativo impacto ambiental e
para a saúde que suporía o vertido destes materiais.
Xestión diferenciada e independente
Nos
últimos días, Sogama tratou máis de 65.000 quilos de residuos
sanitarios de baixo risco procedentes de centros adscritos ao SERGAS.
Para isto efectuou, nun tempo récord, unha adaptación técnica no
Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), que consistiu na
habilitación dunha instalación provisional na que estes refugallos son
triturados e acondicionados para ser valorizados enerxeticamente na
planta termoeléctrica a temperaturas superiores a 850ºC, garantindo así a
destrución de patóxenos e outros elementos nocivos. Un proceso que,
como non podía ser doutro xeito, lévase a cabo coas máximas garantías
ambientais, toda vez que as instalacións desta empresa pública están
dotadas con potentes e innovadores sistemas de control e de depuración
de gases a través dos cales se posibilita que o seu labor industrial
sexa perfectamente compatible coa protección da contorna e a saúde.
O
tratamento da liña de sanitarios desenvolveuse de forma independente á
dos urbanos, tanto desde o punto de vista loxístico e operativo como
laboral, téndose contratado para isto a persoal externo, que en todo
momento contou cos seus propios vestiarios, rexéndose por horarios
diferentes aos do resto dos traballadores do Complexo, cos que tampouco
compartiu zonas comúns.
Cese deste servizo
A
contención do Covid-19 en Galicia e a boa evolución da enfermidade,
fixo posible que a produción de residuos sanitarios se reducira
notablemente, non resultando necesario nestes momentos a participación
de Sogama no proceso, quen deixou de prestar este servizo onte, 21 de
maio. Non obstante, a compañía segue a disposición da Xunta de Galicia
por se nalgún momento require da súa cooperación.
Tralo
decreto do estado de alarma e, dado o seu carácter de servizo esencial,
Sogama mantivo, e ata intensificou, con todas as medidas de protección e
de seguridade, o seu traballo, que leva a cabo as 24 horas do día, para
que os residuos urbanos producidos por máis de 2.242.000 habitantes que
residen en 295 concellos se trataran de forma correcta e coa máxima
eficiencia, evitando que un problema de saúde pública puidese verse
agravado.
A
súa rede loxística, conformada por 37 plantas de transferencia
distribuídas polo conxunto do territorio galego, o transporte de
residuos, por tren e estrada, e a operativa do seu Complexo
Medioambiental, non pararon en ningún momento grazas á actividade e
compromiso dos seus 500 traballadores directos e outros tanto
indirectos. Departamento de comunicación