O portavoz do BNG no
Congreso, Néstor Rego, durante a quenda de preguntas o Presidente, denunciou a
situación de crise que están a vivir os traballadores e traballadoras de Alcoa
San Cibrao ante o posíbel fechamento da factoría de Aluminio. O deputado
inquiriu a Sánchez polas medidas que pensa adoptar o Goberno para enfrontar a
crise económica e industrial que está a sufrir o noso país. “A crise social e
económica provocada pola emerxencia sanitaria superponse na Galiza a unha crise
industrial profunda que afecta especialmente -mais non só- á industria
electrointensiva” subliñou.
O BNG advertiu desde un primeiro que o feche da
planta de Aluminio podería supoñer un impacto económico negativo e profundo na
comarca da Mariña. Rego salientou que “o Goberno español coñece desde hai tempo
a delicada situación da industria electrointensiva na Galiza, e aínda non
aprobou o Estatuto do Consumidor Electrointensivo”.
Os nacionalistas ven necesario pór en marcha solucións
que dean estabilidade ao sector e ao conxunto da nosa industria. Por esta
razón, o deputado Néstor Rego propuxo que en primeiro lugar, “é preciso
establecer unha Tarifa Eléctrica Galega que permita rebaixar considerablemente
o custo da enerxía, porque Galiza é produtora excedentaria, pagamos os
elevadísimos custos sociais e ambientais dun deseño que nós non realizamos, mais
non nos beneficiamos desa condición de país produtor”. Neste momento as
familias e as empresas galegas, pagan máis pola electricidade que en Madrid,
onde consomen enerxía galega a 600 km de distancia.
En segundo lugar, o BNG ve necesario intervir para
salvar a actividade e os postos de traballo en Alcoa. Os nacionalistas suxiren
que se a dirección persiste na súa decisión de pechar, a única alternativa é nacionalizar
a empresa. Hai que recordar que xa foi pública e que nunca debeu ser
privatizada. “Retornar Alcoa ao sector público, estabelecer unha Tarifa
Eléctrica Galega que permita as nosas empresas ser máis competitivas e un plan
para reindustrializar Galiza é hoxe unha necesidade perentoria” salientou
Néstor Rego.
Estado de alarma
Néstor Rego trasladou a preocupación de moitos
alcaldes e alcaldesas están denunciando con preocupación a presenza crecente e
masiva de persoas foráneas nas vilas de toda a costa galega que “chegan sen
ningún tipo de restrición e que representan un risco importante de rebrotes
para a poboación galega porque, maioritariamente proceden de Comunidades que
están aínda na Fase 1”.
Hai quince días o BNG suxeriu a necesidade de
permitir a mobilidade interprovincial dentro do noso país sempre que as
provincias estivesen na mesma fase, unha división territorial anacrónica e
centralista que non responde á realidade social, mais resulta indignante que os
galegos e galegas non podan visitar aos seus familiares se están noutra
provincia -inclusive cando iso só representa cruzar unha ponte sobre un río,
como entre Padrón e Cesures- e que “no entanto se permita a mobilidade
irregular cando pode representar un importante risco sanitario” destacou o
deputado nacionalista.
Néstor Rego lembroulle ao Goberno que “no seu día,
evidente que por razóns políticas e económicas porque as sanitarias eran
indiscutíbeis, non quixeron fechar Madrid e con iso provocaron a centrifugación
do contaxio e a súa chegada e expansión pola Galiza” e inquiriu se agora o
controlarán para que isto non volva a reproducirse. Departamento de comunicación