CERCEDA | Sogama
licita, por 3.060.000 euros (IVE incluído), a recuperación do vidro con
punto verde contido no material inerte seleccionado na planta de
reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible e que, polo tanto,
foi incorrectamente depositado polo cidadán na bolsa negra (fracción
resto), cando o seu destino debería ser o iglú verde.
Desta
forma, a empresa pública pretende poñer en valor un material 100%
reciclable e que responde perfectamente aos preceptos da economía
circular. O
labor do adxudicatario inclúe a carga do material no depósito de
inertes e transporte ata as instalacións de tratamento, onde se
procederá á separación dos residuos de envases de vidro con punto verde
do resto de materiais, garantindo así o cumprimento das especificacións
de calidade necesarias que permitan a súa posterior recuperación.
Acreditación da trazabilidade
A
recuperación final do vidro retirado será acreditada a través dos
correspondentes certificados expedidos pola vidreira ou planta
recicladora autorizada, dando conta da trazabilidade do material. A
fin de garantir a viabilidade do contrato, a cantidade anual que, como
máximo, poderá certificarse para o seu abono, ascende a 18.000 toneladas
e, a mínima, a 9.000 toneladas. O incumprimento deste obxectivo
facultará a Sogama a resolver o contrato anticipadamente e a aplicar as
penalizacións contempladas no prego de condicións.
Non
obstante, e coa pretensión de contrastar a veracidade da información
recollida no certificado de trazabilidade do residuo e de aportar datos
explícitos ás administracións públicas sobre obxectivos de reciclado que
se axusten á normativa vixente, incorpórase un procedemento expreso de
verificación e un plan de auditorías ás instalacións de xestión do
adxudicatario.
A
entidade auditora será designada por Ecovidrio e unicamente aportará os
datos que sexan estrictamente necesarios para os fins legais
referenciados. O contrato, estipulado inicialmente para tres anos, contempla unha prórroga dunha anualidade. O prazo de entrega de ofertas finaliza o próximo 10 de xullo, ás 14:00 horas. Departamento de comunicación