CERCEDA | A
diferenza de meses anteriores nos que, malia o parón do sector
comercial e hostaleiro, o impacto do COVID-19 traduciuse tamén nun
incremento na xeración de residuos urbanos de case o 3%, en xullo
investiuse a tendencia, rexistrándose unha caída do 3,67% respecto do
mesmo período de 2019 ao baixar das 75.073,24 ás 72.321,48 toneladas
entregadas nas instalacións de Sogama polos 295 concellos adscritos ao
seu modelo. Un dato positivo que se agarda marque tendencia de cara aos
próximos meses, toda vez que unha xestión sostible dos residuos debe ter
a súa pedra angular na prevención e na redución.
Pola
súa banda, a achega á reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico,
latas e briks depositados nos contedores amarelos) continúa a súa boa
evolución ao experimentar un incremento do 15,66%, pasando das 2.367,72
toneladas entregadas na planta de clasificación de Sogama en xullo de
2019 ás 2.738,40; unha cifra que evidencia de novo o compromiso da
cidadanía coa reciclaxe e a protección ambiental.
As
medidas hixiénico-sanitarias trouxeron consigo novos residuos, como son
as luvas e máscaras desbotables. Ao respecto, Sogama recorda que estes
materiais deben ser depositados no contedor verde convencional para que
poidan ser procesados xunto coa fracción resto e, por tanto, valorizados
enerxeticamente a máis de 850ºC. O seu destino xamais debe ser o
contedor amarelo ou outros recipientes de recollida selectiva, dado o
seu carácter de material non reciclable, debendo ser tratado en
condicións axeitadas.