Un total de 92.579 estudantes das etapas de ESO, Bacharelato e
Formación Profesional comezaron hoxe o curso escolar con normalidade
seguindo o calendario escalonado establecido pola Consellería de
Cultura, Educación e Universidade de acordo cos equipos directivos de
secundaria para o arredor de 206.000 alumnos de secundaria e FP.
Así,
na xornada de hoxe volveron ás aulas os alumnos de 1º e 2º de ESO e os
de 1º de Bacharelato, 1º de FP de grao medio e 1º de FP de grao superior
e as ensinanzas básicas de educación para persoas adultas polas
modalidades presencial e a distancia. Mañá xoves, día 24, farano os
62.443 alumnos de 3º de ESO, de 2º de Bacharelato, 2º de FP de grao
medio e 2º de FP de grao superior; e o venres día 25 incorpóranse os
26.791 que cursan 4º de ESO, e todos os cursos de FP Básica. Ademais,
hai que engadir os 24.000 estudantes de ensinanzas de réxime especial
(adultos, artísticas e deportivas), que tamén se incorporan ás aulas a
partir de hoxe.
Reforzo de máis de 1.100 docentes para secundaria
Este
curso escolar en secundaria está marcado tamén polo reforzo do
profesorado coa contratación de 1.107 novos profesores para as etapas de
ESO, Bacharelato e FP, que xa están incorporados nos seus respectivos
centros. Deles, 847 son novos docentes para reforzar as medidas de
seguridade contra a covid e 260 son para atender o incremento da oferta. Cómpre
salientar tamén a contratación de 322 docentes de apoio para secundaria
a través do programa ARCO de reforzo educativo que, xunto coas
contratacións para Infantil e Primaria, elevan a preto de 2.000 docentes
(un 6,2% máis sobre a plantilla total) o número total de novo
profesorado no sistema educativo galego este curso.
O reforzo do profesorado foi a principal medida posta en marcha polo
departamento educativo da Xunta para garantir a seguridade sanitaria e a
calidade educativa nos centros escolares durante este curso marcado
pola pandemia. A maiores, como medidas adicionais para facilitar a
xestión e organización do inicio de curso en Secundaria, tamén se
estableceu a opción voluntaria para os centros de establecer
semipresencialidade ou quendas de tarde, ou instalar mamparas.
Seguimento da folga e incidencias
Neste
primeiro día de comezo de clases en secundaria, no que o persoal
docente estaba convocado á folga por parte dalgunhas organizacións
sindicais, o paro foi seguido polo 3,17% dos profesores. Por provincias
secundaron a folga un 2,45% de docentes na Coruña, un 3,71% en Lugo, un
1,36% en Ourense e un 4,52% en Pontevedra. A Xunta quere agradecer a responsabilidade dos docentes neste inicio de curso en
secundaria, ao igual que xa o demostraron os mestres de infantil e
primaria, nun contexto excepcional de volta ás aulas que require da
implicación do conxunto da comunidade educativa.
Apoio das forzas e corpos de seguridade do Estado
Doutra
banda, o conselleiro Román Rodríguez vén de solicitarlle ao delegado do
Goberno en Galicia a colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do
Estado e da Policía Local para garantir a seguridade neste inicio de
curso. A través dunha misiva, o titular de Educación demanda á
Delegación do Goberno en Galicia que reforce a presenza das FCSE nas
contornas dos recintos educativos, intensificando o seu labor para
evitar aglomeracións e outras accións que poidan supor un risco para a
saúde, especialmente nos momentos de entrada e saída dos centros. Román Rodríguez considera que a colaboración tanto das Forzas e Corpos
de Seguridade do Estado como da Policía Local “é fundamental” para
garantir que a aplicación das medidas de seguridade na loita contra a
covid sexa o máis eficaz posible, tamén no ámbito educativo.