MADRID | Perante a finalización do
prazo das negociacións para a venda da planta de aluminio de Alcoa a Liberty
House sen acordo, o deputado do BNG no Congreso reclamou hoxe ao Goberno
español decisión política para iniciar a
intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de San
Cibrao.
Néstor Rego salientou que, diante da evidencia
de que Alcoa se nega a vender co fin de eliminar a competencia no Estado
español, a única opción que queda é que as administracións públicas competentes -goberno español e goberno galego- se poñan
de acordo para unha intervención que consiga manter a actividade na Mariña e
preservar a totalidade dos postos de traballo. Néstor Rego destacou que os intereses dunha
multinacional norteamericana non poden
estar por riba dos intereses do pobo galego e da manutención dunha actividade
económica que é esencial no noso país e tamén para o mantemento dos postos de
traballo. “Estamos a falar de máis de 1.000 empregos entre o cadro de persoal
de Alcoa e as empresas auxiliares” sinalou.
“O fechamento de Alcoa suporía un impacto
brutal para toda a economía galega e especialmente para a comarca da Mariña, polo
que as administracións públicas teñen unha enorme responsabilidade e a obriga de intervir.” advertiu o deputado
nacionalista. Departamento de comunicación