MADRID | O deputado Néstor Rego apoiou no Congreso creación
dunha Comisión de Investigación sobre a trama política, mediática, empresarial
e parapolicial creada por dirixentes do Partido Popular e membros do Goberno de
Mariano Rajoy co fin de ocultar as probas en relación cos casos de corrupción
que estaban a ser investigados.
En relación co coñecido como o caso Kitchen, o
deputado do BNG salientou que “cada día coñecemos novas informacións que fan
descender máis polas cloacas, as do Estado tamén, as actuacións e a
credibilidade do Partido Popular: espionaxe, colocación micrófonos dentro do
propio Congreso, plans de secuestro, chantaxes... Actuacións que contaban coa participación e o
beneplácito, nin máis nin menos que, do Presidente do Goberno, a Vicepresidenta, o Ministro de
Interior e a Ministra-Secretaria Xeral do PP,
entre outros e que, de verificarse, confirmarían ao Partido Popular como
unha organización criminal” afirmou.
Rego lembrou que son actuacións “feitas por
funcionarios e cargos públicos, con recursos públicos para defender intereses espurios,
para ocultar a corrupción e para que
integrantes do goberno, incluído o seu Presidente, puidesen eludir a
acción da xustiza”. Néstor Rego afeou o Partido Popular que a súa
estratexia de defensa fose que a ninguén interesa o que fixeron fai nove anos,
“aínda que sexa roubar, espiar, chantaxear ou
incluso planear un secuestro” ou que pretendeses escudarse en que tamén
o PSOE e Unidas Podemos son corruptos.
“Aquí non serve o ti máis”, salientou.
O deputado nacionalista cualificou ao réxime do 78
como “un pozo sen fondo de corrupción e de podremia e non é reformable, porque
a corrupción é estrutural”. Rego afirmou que, por tanto, “é necesaria unha
ruptura democrática, esa que desgraciadamente non se produciu ao final da
ditadura, para avanzar en democracia e dereitos -tamén os colectivos dos pobos,
como o de autodeterminación- e para facer
limpeza e sacar todo o lixo herdado e acumulada ao longo de 45 anos”.
Rego destacou que esa ruptura é necesaria tamén nun
poder xudicial con “unha xustiza tan
áxil á hora de perseguir dereitos democráticos, urnas e soberanistas e absolutamente
cega e muda fronte á corrupción, especialmente á institucional. Porque cunha
xustiza realmente xusta, coa súa Lei de Partidos, o PP estaría hoxe
ilegalizado”.
O portavoz nacionalista, aínda que se mostrou
escéptico sobre a capacidade dunha Comisión
de Investigación de sacar á luz toda a verdade sobre estas prácticas corruptas
e depreciábeis, ve necesario e inescusábel tentalo. “Unha oportunidade que non
se pode desaproveitar para desterrar dunha vez por todas a corrupción, a
política depreciábel, a utilización
partidista das institucións, para poñer ao descuberto as cloacas do Estado”
afirmou Néstor Rego.