O
BNG reclama ao Goberno galego que restitúa de maneira urxente o ensino
presencial en todos os centros educativos públicos do país, logo de que a Xunta
decidira concibir o actual curso lectivo en distintos centros só na modalidade
de semipresencialidade o que, segundo explicou o Bloque esta mañá na Comisión
4ª do Parlamento, supón unha discriminación para o alumando afectado e un
prexuízo que mesmo podería afectar á súa proxección académica.
Nunha proposición non de lei presentada
por trámite de urxencia e defendida polo portavoz parlamentario de Educación
Manuel Lourenzo, o BNG expuxo que a docencia semipresencial implica unha
redución da xornada lectiva de 32 a 15 horas semanais e, polo tanto, unha
evidente desigualdade no acceso á educación para este alumnado que non vai
dispoñer de atención educativa on line
nas 17 horas restantes. Segundo explicou Lourenzo, entre os centros afectados atópanse
varios nas cidades de Pontevedra e Vilagarcía.
Para o Bloque, este prexuízo é aínda
se cabe de maior relevo no Bacharelato, xa que o estudantado destes institutos
terán que presentarse á ABAU, e a menor carga lectiva e a redución da docencia
presencial poden ter unha incidencia directa na preparación dunhas probas que
son decisivas para o seu futuro. “É unha discriminación evidente, xa que este
alumnado vai competir co doutras comunidades e mesmo con alumnado galego do
ensino privado que non sofre esta situación, polo que é urxente que a Xunta cambie
a súa posición e respecte a equidade e a igualdade de oportunidades de todo o
alumnado galego”, afondou o deputado do BNG.
A xuízo de Lourenzo, resulta curioso
que esta situación non se dea en ningún centro privado ou concertado, pero si
no sistema público de ensino, o que confirma que a Xunta non soubo planificar o
curso lectivo e a medida da semipresencialidade responde a un criterio de
aforro económico. “En lugar de deseñar desdobres ou contratar máis profesorado,
recórrese a solucións de ensino low coast
como a semipresencialidade con horario reducido ou a colocación de mamparas”,
concluiu. A iniciativa do Bloque non prosperou polo veto do Partido Popular. Departamento de comunicación