O Bloque Nacionalista Galego
reclama ao Goberno, por medio dunha iniciativa parlamentar, solicitar a
execución provisional da sentenza do xulgado de primeira instancia da Coruña
que estabelece que o Pazo de Meirás forma parte do patrimonio público. O
portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou que dita sentenza estabelece
que “este inmóbel é propiedade do Estado e declara non válida a venda simulada
coa que os herdeiros do ditador acreditaban a posesión da devandita propiedade
a título particular”.
O deputado nacionalista salientou que “estamos
diante dun feito histórico, cargado de grande simbolismo e relevancia”, pois é
a primeira vez que unha sentenza recoñece que as actuacións para a entrega
deste ben a Francisco Franco foron realizadas de forma ilegal e nun contexto de
extorsión e terror.
Aliás, Rego afirmou que o BNG vai exixir que de
forma inmediata, unha vez que o Pazo de Meirás estea nas mans de Patrimonio do
Estado, o Goberno inicie o proceso de transferencia á Galiza. O Deputado
nacionalista enfatizou que a reclamación maioritaria no noso País é que o Pazo
pertence “ao pobo galego”, e iso significa que ten de estar nas mans de
institucións galegas.
“O Goberno debe reclamar xa a execución provisoria
co obxecto de restituír a propiedade ao patrimonio público, velar pola
integridade doutros bens tamén resultado do espolio e que alí están depositadas
-entre elas as estatuas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria ou a biblioteca
de dona Emilia Pardo Bazán-, e garantir a súa apertura e o seu aproveitamento
como espazo histórico, da memoria democrática, cultural e turístico” sinalou
Néstor Rego.
O deputado do BNG subliñou que o nacionalismo
continuará a traballar até conseguir a restitución de todo o patrimonio roubado
por Francisco Franco e que aínda está retido pola súa familia. “Non é só unha
cuestión de xustiza, senón tamén de dignidade e de obriga moral con todas as
vítimas do franquismo”, enfatizou. Departamento de comunicación