MADRID | O
Bloque Nacionalista Galego solicitou, mediante unha Proposición Non de Lei no
Congreso, traspasar as competencias para a total xestión económica e
administrativa dos centros do Instituto Oceanográfico con sede na Galiza para
que pasen a formar parte da estrutura da Xunta e evitar seguir adiante coa
decisión unilateral e centralizadora de integración no CSIC.
A decisión que adoptou o Ministerio de Ciencia e
Innovación como solución á crise pola que pasa o IEO de integralo xunto con
outros organismos públicos de investigación dentro do CSIC, atopouse coa oposición
do propio persoal do Instituto. “É unha decisión unilateral e na que non se contou
coa opinión dos traballadores e
traballadoras, nin sequera se falou coa dirección dos centros para consultar
previamente o seu parecer” sinalou o deputado Néstor Rego.
A formación nacionalista aproveitou esta iniciativa
parlamentaria para exixir que mentres non se materialice o traspaso de
competencias por parte do Estado á Xunta de Galiza, polo menos que se inicie un
proceso de descentralización dos centros e das infraestruturas do IOE, concretamente para os que se atopa
situados nas cidades da Coruña e Vigo, para que poidan ser xestionados segundo
as súas propias necesidades. “Estas
medidas centralizadoras inciden directamente nunha falta de adaptación do
traballo que se desenvolve nos centros da Galiza e nas necesidades dos sectores
económicos vinculados ao mar no noso País” sinalou Rego.
O deputado do BNG reivindicou que esa foi unha das
funcións principais dos centros da Coruña e Vigo, “o asesoramento ao sector
pesqueiro e marisqueiro, e non soamente investigadora”. O BNG advirte que esta
faceta veríase relegada, senón impedida, cando pase a depender do CSIC. Rego
expuxo, a modo de exemplo, que desde Madrid poderíanse eliminar investigacións
cruciais para o desenvolvemento dun dos nosos principais motores económicos,
como é a liña de investigación de cultivos de moluscos na que viña traballando
de forma pioneira durante os últimos
corenta anos no centro da Coruña e que o convertía nun centro de referencia nesa materia.
Rego denuncia a centralización de gastos que se
impón ao persoal técnico administrativo, a través da figura dun interventor,
para o control dos investimentos necesarios para o desenvolvemento das súas
propias tarefas e reivindica que debe ser corrixida, pois imposibilita a
actividade dos centros. Ademais destacou que a anexión ao CSIC vai seguir
mantendo os principais problemas derivados da centralización. “A xestión centralizada non só afecta e seguirá
afectando no económico, senón que tamén na dotación de persoal, nas taxas de
reposición e na administración do traballo no día a día”.
O BNG denuncia que se trata novamente dunha
decisión tomada desde Madrid sen contar coas necesidades específicas de cada un
dos centros. “A uniformidade non vai ser nunca a solución –destacou Néstor
Rego- manter a independencia do Instituto e transferir as competencias de
xestión á Xunta de Galiza, serviría para pór as bases novamente en
pleno funcionamento os centros do IEO”. Departamento de comunicación