SANTIAGO DE COMPOSTELA | Este
sábado, o Festival Ateneo Barroco 2020, organizado polo
Ateneo de Santiago co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia
e a Deputación da Coruña e a colaboración da Universidade de Santiago e o
Concello de Santiago, chega á súa fin marcado polas novas restricións sanitarias
impostas dende este xoves na cidade de Santiago.
Así,
coas entradas todas vendidas para as 20h e ao implantarse a limitación dos
aforos a 30 persoas, a entidade decidiu distribuír a unha parte dos asistentes
para un novo pase do concerto “Rameau, mestre do barroco francés” do grupo
Ímpetus, que se realizará ás 21.30h no mesmo Teatro Principal de Santiago de
Compostela, co obxectivo de que ninguén tivera que renunciar ao recital en
directo.
O
ensemble madrileño Ímpetus que dirixe Yago Mahúgo, un dos mellores
representantes da nova xeración de grupos españois de música antiga, dedica este
concerto dobre á música de cámara e para clavecín do gran mestre do Barroco
francés, Jean-Philippe Rameau, figura central do festival Ateneo Barroco 2020.
Rameu foi un dos personaxes máis influentes no Barroco musical en Europa;
compositor, clavecinista e teórico, referencia absoluta da ópera barroca
francesa, aparece no programa do festival visto dende a dobre perspectiva de
operista e de virtuoso e mestre compositor para o teclado, faciana que amosan á
perfección as marabillosas Pièces de
Clavecin en Concert sobre as que xira o programa do concerto de Ímpetus.
Ao
igual que se fixo en todos os actos anteriores, xusto antes de comezar cada
pase e co público xa acomodado, o director Yago Mahúgo fará unha breve
introdución didáctica co fin de preparar ao público para unha posterior
audición máis enriquecedora, baixo o título “Rameau en trío, a música de cámara”. Departamento de comunicación