O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, destacou hoxe a unidade de acción entre administración e traballadores de Alcoa e aseverou que o peche desta fábrica sería un “disparate industrial” para España sen precedentes. “Non ten ningún sentido empresarial, económico ou estratéxico prescindir desta factoría”, abundou, insistindo en que o Goberno galego non contempla ningunha outra posibilidade que non sexa o mantemento dos postos de traballo e da única fábrica de aluminio privado que existe en España.
O presidente do executivo autonómico, que se reuniu este mediodía, xunto co vicepresidente segundo, Francisco, Conde, co comité de empresa de Alcoa, valorou a relación fluída que a Xunta mantén neste momento con Goberno central. “Estamos nunha situación complexa, pero estamos traballando xuntos nela”, afirmou, reiterando o compromiso incuestionable da Administración autonómica cos traballadores. A ese respecto, durante a reunión Xunta e comité de empresa coincidiron en solicitar ao Goberno central que convoque a reunión a tres que está pendente.
“Se Alcoa non quere operar esta factoría que a venda, que desbloquee a venda a outro operador”, recalcou, resaltando tamén a necesidade de que o Goberno central cumpra cunha tarifa eléctrica que faga posible a produción de aluminio primario, mentres non se instalen enerxías renovables de autoconsumo para a propia factoría.
Feijóo lembrou que o obxectivo da Xunta neste asunto foi sempre o de buscar solucións, xa que a 45 euros/megavatio non se pode producir unha tonelada de aluminio, aos significar perdas constantes. “Temos que baixar o prezo da enerxía para facelo compatible coa produción de aluminio primario”, concluíu.