MADRID | O
portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, sinalou que
“os criterios do BNG para a mellora do sistema de pensións son radicalmente
distintos aos plasmados nas recomendacións” aprobadas na Comisión de Seguimento
e Avaliación dos Acordos do Pacto de Toledo.
Néstor Rego salientou durante a súa intervención
que “resulta imprescindíbel a derrogación das reformas do sistema de pensións
de 2011 e 2013, respectivamente”. Lembrou que estas dúas reformas foron
gravemente prexudiciais para os e as pensionistas. Concretamente a de 2011
supuxo incrementar até 25 anos o cómputo da base reguladora, así como aumentar
os anos para cobrar a pensión completa e fixar a idade de xubilación nos 67
anos. Coa reforma de 2013 estabeleceuse que as pensións xa non subirían
conforme ao IPC.
“Durante anos, as e os pensionistas viron como se
reducía a súa capacidade adquisitiva e, por tanto,que agora se vollte a
estabelecer a actualización conforme ao IPC non vai compensar a perda de poder
adquisitivo” denunciou o deputado nacionalista. Rego defendeu a necesidade de
subir as pensións mínimas até equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional e
que ambos fosen subindo progresivamente até se situar no 60% do salario medio.
O deputado nacionalista lembrou que a Galiza “ten
as pensións mínimas máis baixas de todo o Estado” polo que considerou
imprescindíbel actuar para eliminar esta brecha. Ademais, a reverter o recorte
de dereitos, derrogando tamén as reformas laborais para acabar coa
precarización e para poder adoptar medidas tendentes á mellora do nivel
salarial e a estabilidade laboral, o que repercutiría favorablemente na
recadación da Seguridade Social.
En concreto, a formación nacionalista aposta en
voltar á xubilación ordinaria aos 65 anos e a voluntaria ao cumprir 35 anos de
cotización á Seguridade Social, reais ou compensados pola aplicación de
coeficientes redutores naquelas profesións que os teñan asignados. Rego lembrou que o BNG defende eliminar as
desgravacións fiscais dos plans privados de pensións e rexeitou tamén a
recomendación de promover 'sistemas complementarios' no ámbito empresarial,
pois dado que o seu financiamento ten a mesma orixe -traballadores/as (case
sempre á custa dos seus salarios), empresarios e mesmo previsibelmente o propio
Estado- deberían destinarse eses recursos a reforzar o sistema público de pensións.
Aliás, Rego instou ao estabelecemento de
coeficientes redutores da idade de xubilación en novas profesións así como a
revisar e mellorar os xa existentes e recordou que o BNG ten presentado
diversas iniciativas ao respecto para que se aplicasen estes coeficientes
redutores a colectivos específicos, como as e os mariscadores ou a minería a
ceo aberto, profesións con elevada perigosidade e risco para a saúde dos e das
traballadoras que as desempeñan.
Así mesmo, o deputado do BNG considera necesario o traspaso das competencias de xestión
do réxime económico da Seguridade Social -previsto no Estatuto de Autonomía-
para poder articular un verdadeiro sistema público de pensións na Galiza, así como de todas as competencias
legais e normativas necesarias para que sexa no noso País onde se realice o
pagamento dos impostos e cotizacións sociais dos centros de traballo situados
no noso territorio.
Derrogación do artigo 315.3 do
Código Penal
O BNG congratúlase da derrogación do artigo 315.3
do Código Penal, que limitaba o libre exercicio dun dereito fundamental como o
de folga. “Non se pode seguir mantendo en vigor un precepto que foi
reiteradamente utilizado na represión de traballadores e traballadoras que
formaban piquetes no lexitimo exercicio do seu dereito de folga”. Néstor Rego
lembrou que esta era unha das medidas recollidas no acordo de investidura e,
por tanto, un dos compromisos do Goberno para esta lexislatura. Departamento de comunicación