“É
perentoria a adopción de medidas por parte da Xunta na loita contra a pobreza e
a exclusión social e son imprescindibles medidas de choque reais e acaídas á
excepcional situación que vivimos como sociedade e como país”. Así o afirmou o
deputado nacionalista, Daniel Pérez, ante a Comisión de Economía do Parlamento,
na que reclamou ao Goberno galego que rectifique a súa política económica para
evitar a consolidación da pobreza no país e que se agudice aínda máis polo
impacto da COVID19.
Segundo explicou, os últimos
indicadores -anteriores ao inicio da pandemia- xa alertaban de que a taxa de
pobreza atinxía ao 24% da poboación e que, tal e como adiantaba en maio a ONG
Igaxes, os efectos económicos e sociais derivados da actual situación
epidemiolóxica “están a afectar especialmente á mocidade e ás persoas con
contratos temporais, empurrando cara á pobreza a moitas familias vulnerábeis”. Pérez volveu reclamar á Xunta a
elaboración dun estudo neste sentido para obter unha diagnose certeira sobre o
impacto real que está a sufrir o país en termos de pobreza e exclusión social
para poder así tomar as medidas específicas necesarias e dotalas das súas
correspondentes partidas económicas nos vindeiros orzamentos galegos.
O deputado pola Coruña criticou a
falta de eficacia das políticas sociais desenvolvidas polo PP ao longo da
última década e subliñou que é preciso combinar políticas de inclusión social a
medio e longo prazo con medidas explícitas para grupos en situación de
exclusión social. “E para isto é fundamental a dotación orzamentaria destinada,
especificamente, a loitar contra a pobreza e a exclusión social”, subliñou.
Por último, Daniel Pérez lembrou ao
Goberno galego que está obrigado a establecer os medios adecuados para abordar
as situacións de emerxencia neste ámbito de actuación; situar a protección
social como parte esencial da política económica, para o que, segundo recalcou,
“é preciso xerar emprego de calidade”, e “poñer o crecemento económico ao
servizo do desenvolvemento social e do benestar das persoas co obxectivo de
acadar un modelo social xusto e equitativo”. Departamento de comunicación