MADRID | O
Bloque Nacionalista Galego instou o Goberno español a ampliar a prórroga das
inspeccións durante o tempo necesario para
asegurar que tractores e o resto de maquinaria agrícola circulen dentro
da legalidade mentres agardan pola posibilidade de obter cita nas unidades
móbiles da ITV.
O BNG denuncia a situación pola que están a pasar
os e as traballadoras do campo que non poden realizar ditas inspeccións dos
seus vehículos agrícolas ao non estar dispoñíbeis nestes momentos as unidades
móbiles que se desprazan pola maioría de
concellos galegos para facilitar o acceso á ITV destes vehículos.
A única alternativa á unidade móbil da ITV é acudir
ás instalacións fixas situadas nos arredores das grandes cidades ou polígonos
industriais. “Isto supón obrigar ás e os propietarios de maquinaria agrícola a
realizar na maioría de casos longos desprazamentos, nos que deben circular por
vías cunha alta densidade de tráfico provocando atascos e entorpecementos ao normal tránsito de
vehículos, o que pon tamén en risco a seguridade viaria” destacou o deputado
Néstor Rego.
Aínda que a validez das inspeccións técnicas para
os vehículos agrícolas “destinados a labores do campo” está prorrogada ata o 10
de novembro, o BNG advirte que se estes vehículos seguen sen poder acceder aos
servizos de ITV, ao chegar o citado vencemento haberá igualmente moitos sen a
inspección validada e ao circular expoñeranse a multas. Néstor Rego salientou
que “resulta de xeito inxusto que se faga responsábeis aos e ás traballadoras
do campo, cando a responsabilidade por ese atraso é debida a que o servizo de
ITV non pode atender a demanda acumulada durante todo o período de paralización
da actividade polo estado de alarma”.
A formación nacionalista considera necesario dar
instrucións desde a Dirección Xeral de Tráfico para flexibilizar as posíbeis
actuacións no caso de detectar en circulación vehículos agrícolas que debesen
pasar a ITV desde a declaración do primeiro estado de alarma. Néstor Rego
solicitou ao Goberno implementar as medidas necesarias para evitar que as
persoas usuarias de maquinaria agrícola que se atopen nunha situación
susceptíbel de sanción por incumprir a normativa unha vez finalice a prórroga
da vixencia da ITV, non saian prexudicadas ante a actuación dos axentes de tráfico ou no caso
dun posible accidente. O grupo parlamentario do BNG no Parlamento galego, a través do deputado portavoz de
agricultura, Xosé Luís Rivas “ Mini”, tamén presentou iniciativas neste
sentido. Departamento de comunicación