A CORUÑA | A
Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a tomar as
medidas necesarias que permitan a continuidade da actividade na pranta de
‘Siemens-Gamesa’ no Concello de As Somozas.
O
pleno da Deputación aprobou hoxe unha declaración institucional, apoiada
por todos os grupos políticos, amosando
o seu apoio total aos traballadores da planta nas súas reivindicacións para
manter os seus postos de traballo e demandando á administración autonómica e ao
goberno estatal a que se impliquen nesta problemática, aproveitando as
oportunidades que ofrecen os plans de Transición Enerxética da Unión Europea.
O
acordo plenario chega 10 días despois de que o presidente, Valentín González
Formoso, se reunira cos respresentantes do comité de empresa da factoría das
Somozas para trasladarlles o seu apoio e anunciarlles que a Deputación levaría
o tema a pleno para plasmar o seu firme apoio institucional ás demandas dos traballadores, nun tema que
afecta a 300 empregos na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
O
texto reflicte a preocupación “profunda preocupación trasladada polo Comité de
Empresa ante o incerto futuro da planta”. Os traballadores temen unha posible
deslocalización da empresa cara Portugal xa que “no pasado mes de xaneiro
Siemens-Gamesa fixo efectiva a compra dunha fábrica de palas en Vagos
(Portugal), onde está a realizar un gran investimento, apostando por poñer
novos modelos de palas a pesar de que no mes de outubro do ano pasado foi a
propia empresa a que comunicou ós traballadores que existían serias
posibilidades de que o sinalado modelo se implantara na planta das Somozas, se
ben, a día de hoxe o certo é que onde está en funcionamento é na nova infraestrutura
portuguesa”.
Ademais,
na moción tamén se sinala que en xullo “o Director de Operación de Palas
comunicou que unicamente estaba asegurada carga de traballo ata finais do presente
ano 2020 e que, ata o de agora, non se contemplaba ningún investimento na planta
das Somozas”.
O
pleno da Deputación respalda tamén a necesidade exposta polo Comité de Empresa
de “crear unha mesa de traballo para estudar a viabilidade da planta na que
participen, tanto a parte empresarial, como o Comité e a administración local e
autonómica”.
Apoio ás reivindicacións dos
traballadores de Alu Ibérica
O
pleno aprobou tamén outra declaración institucional de apoio ás demandas dos
traballadores de Alu Ibérica, a antiga Alcoa, na Coruña.
No
texto solicítase ao Ministerio de Industria que cumpra o seu compromiso de
auditar a situación económica e fiscal da planta e instase á Xunta de Galicia e
Goberno central a auditar o proceso de traspaso de Alcoa ao fondo suizo Parter
e, posteriormente, ao Grupo Industrial Riesgo “de forma que se determine se as
operacións de traspaso vulneraron os acordos acadados”.
Finalmente,
plásmase o apoio expreso da Deputación da Coruña aos traballadores “ante os
reiterados incumprimentos por parte do Grupo Riesgo das súas obrigas en materia
de emprego e produtividade”, así como á “intervención temporal desta fábrica
por parte do Estado”. Departamento de comunicación