CERCEDA | Usar máscara é unha responsabilidade, como tamén o é xestionala correctamente cando se converte en residuo. Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de lanzar unha campaña que, baixo o título “Non enmascares a túa responsabilidade: as máscaras desbotables, ao contedor da fracción resto”, está
integrada por recursos divulgativos (vídeo, cuña e manual de boas
prácticas) orientados aos cidadáns que residen nalgún dos 295 municipios
adscritos ao seu sistema.
O
obxectivo desta iniciativa é informar e formar á poboación sobre os
efectos perniciosos que ten este refugallo cando acaba abandonado na
contorna natural, xa que tarda entre 300 e 400 anos en degradarse. No
vídeo (cunha duración de 1 minuto e 45 segundos), tómanse como
referencia a coñecidos superheroes de ficción (Supermán, Superwoman,
Ironman, Spiderman, Batman, Lady Bug e as Tartarugas Ninja) porque facer
o ben tamén implica, no marco da pandemia do COVID-19, usar máscara,
seguindo as directrices das autoridades sanitarias, e depositala no
contedor convencional unha vez concluida a súa vida útil. Unha
alternativa máis ecolóxica son as reutilizables, se ben debe comprobarse
que contan coa protección necesaria e o certificado que así o acredite.
No
caso do modelo Sogama, as máscaras desbotables, ademais de luvas e
toalliñas, deben introducirse, xunto cos residuos non reciclables, no
contedor verde convencional a fin de que sexan valorizadas
enerxeticamente a máis de 850ºC, temperatura coa que se consegue
eliminar patóxenos e axentes nocivos. Así se recolle nas instrucións
publicadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio
para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, onde se prioriza a
valorización enerxética sobre o depósito en vertedoiro.
Pola
súa banda, os botes plásticos de xel hidroalcohólico deben arroxarse ao
contedor amarelo de recollida selectiva para que poidan ser reciclados e
convertidos en novos produtos. Non
obstante, e máis aló do correcto uso da máscara, Sogama recorda a
importancia de manter a distancia de seguridade, limitar as reunións
familiares ao número de persoas indicado pola normativa en cada momento,
lavar as mans con frecuencia, evitar tocarse a cara e velar en todo
momento pola protección. Porque protexéndonos a nós, protexemos aos
demais. Ligazón campaña