SANTIAGO DE COMPOSTELA | O
Ateneo de Santiago puxo en marcha os actos en conmemoración do centenario do
nacemento do intelectual galego Isaac Díaz Pardo, celebración que se manterá
ata mediados do mes de decembro, malia verse moi afectada polas restricións
sanitarias.
Así,
a inauguración prevista do salón de actos da entidade, designado co nome do
artista pola Asemblea Xeral do Ateneo, tivo que ser cancelada, mais iso non
impediu que se instalara unha placa conmemorativa, que reproduce a tipografía
deseñada polo homenaxeado, inmortalizando desta maneira ao ilustre compostelán.
Un
dos actos que si puido ser levado a cabo desta homenaxe foi a presentación da
edición facsimilar do libro Unha presa de
dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro, editado para a
ocasión polo Ateneo coa colaboración da Deputación da Coruña.
Dita
obra é unha das máis orixinais e descoñecidas do autor, cuxo impacto na
dinamización da cultura galega en xeral e da compostelá en particular durante o
último século foi indispensable, pois Díaz Pardo foi, xunto con Luís Seoane, o
promotor de grandes proxectos de modernización cultural de Galicia, como foron
Sargadelos, o Laboratorio de Formas e o Museo Carlos Maside. As celebracións do centenario promovidas polo Ateneo de Santiago concluirán
o día 18 de decembro cun acto musical. Departamento de comunicación