C.X.P.X. | O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou, a
pedimento do Estado, a execución provisional da sentenza que declara que
o pazo de Meirás é propiedade pública e ordena á familia Franco a súa
devolución. A maxistrada fixou a entrega voluntaria do inmoble por parte
da familia Franco o 10 de decembro ás 11 horas. Por motivos de
seguridade, e co fin de preservar a súa integridade, a entrega será
verificada pola comisión xudicial no propio pazo. Os demandados
mostráronse conformes coa execución provisional da sentenza. A xuíza,
con todo, advirte que se non realizan a entrega no día e hora sinalados,
“procederase no mesmo acto ao inmediato desaloxo”.
O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou o pasado 2
de setembro a demanda interposta polo Estado e declarouno propietario
do Pazo de Meirás, polo que condenou á familia Franco á devolución do
inmoble sen ser indemnizada polos gastos nos que afirmaba ter incorrido
para o mantemento da propiedade. No procedemento, a Xunta de Galicia, o
Concello de Sada, o da Coruña e a Deputación Provincial defenderon tamén
a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constaban
seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada.
A maxistrada Marta Canles declarou na sentenza a nulidade da doazón
efectuada en 1938 da “finca denominada Torres ou Pazo de Meirás ao
autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer
do requisito esencial de forma”. Ao entender que a propiedade do inmoble
corresponde ao Estado, a xuíza declarou tamén nula a parte da escritura
pola que os herdeiros de Franco fixéronse co predio, así como a doazón
que se recolle nunha escritura de novembro de 1982.
A familia Franco xa recorreu a sentenza, cuxa execución provisional
se levará a cabo en decembro, ante a Audiencia Provincial da Coruña.