C.X.P.X. | O Xulgado de Primeira
Instancia número 1 da Coruña decreta a realización dun inventario que
abarque todos os bens do pazo de Meirás, tanto exteriores como
interiores. A maxistrada, desta forma, acolle a petición de medida
cautelar solicitada hoxe polo Estado co fin de “preservar a integridade”
do inmoble antes de que o próximo 10 de decembro se execute
provisionalmente a sentenza que declara que é público e a familia Franco
proceda á súa entrega de forma voluntaria.
O rexistro, segundo consta no auto, comezará a elaborarse, coa
colaboración dos técnicos da Consellería de Cultura da Xunta, o mércores ás 10.30 horas. Ata que o documento non estea finalizado e a
xuíza o autorice expresamente, a familia Franco non poderá trasladar
e/ou retirar ningún tipo de ben do recinto. Para garantir o cumprimento
da resolución, o Xulgado requiriu á Garda Civil que estableza un
dispositivo de vixilancia no inmoble.
A maxistrada lembra que o pazo foi declarado Ben de Interese Cultural
(BIC) no ano 2008, polo que “goza dunha protección integral”, que, tal e
como advirte o Estado, “se estende a todos os seus elementos e
compoñentes”. Ademais, entende que é “patente” a urxencia de adoptar a
medida cautelar, solicitada polo Estado tras facerse público que a
familia Franco contratou unha empresa de mudanzas para retirar de
maneira inminente os bens do pazo. A xuíza tamén salienta no auto que o
Xulgado “ten que velar pola integridade do ben e a efectividade práctica
da sentenza, no caso de que a execución provisional se chegue a
converter en definitiva”.
O Estado asegurou que a “inmediata” realización dun inventario é
“necesaria” debido á “celeridade con que os demandados pretenden
proceder ao baleirado do pazo de Meirás” e ao “risco” de que un edificio
“coas súas especiais características e nivel de protección, sexa
baleirado sen ningún tipo de constancia dos bens que se atopan no seu
interior”. Ademais, xustifica a solicitude da medida para garantir que o
seu dereito á propiedade do inmoble e de todos os seus elementos ou
pertenzas “non se vexa comprometido ante unha eventual execución
definitiva” da sentenza.
O Xulgado tamén aceptou a solicitude da Xunta de comparecer no
incidente aberto por mor da petición de medida cautelar. O Goberno
galego asegura que se ve “na obriga de instar as medidas necesarias para
a adecuada protección do Ben de Interese Cultural, coa finalidade de
impedir, ata ese día, calquera actuación dos executados que supoña un
risco para a conservación e mantemento do ben na súa integridade”.